Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2022 | Actualizada ás 14:54
Oito empresas presentaron as súas candidaturas para asumir os tres contratos postos sobre a mesa pola Administración autonómica para o desenvolvemento do plan de control de verteduras na demarcación hidrográfica Galicia-Costa nos próximos dous anos.
Os contratos, dotados cun investimento de 3 millóns de euros, encadraranse en cada unha das tres divisións territoriais nas que se divide a demarcación: norte, centro e sur.
A zona norte abarca a contorna dos ríos Grande, Mero, Mandeo, Eume, Sor, Landro, Ouro e Masma, e por tanto, tamén as rías de Camariñas, Betanzos, Aires, Ferrol, Ortigueira, Cedeira, Viveiro ou Ribadeo.
Pola súa banda, o centro engloba as áreas dos ríos Ulla, Tambre, Xallas e do Castro, así como as das rías de Arousa (marxe dereita), Muros e Corcubión; mentres que o sur inclúe os ríos Verdugo, Lérez e Umia e as rías de Vigo, Baiona, Pontevedra e Arousa (marxe esquerda).
O plan pretende desenvolver un sistema de xestión das alertas por vertedura ao dominio público para mellorar a súa localización, avaliación e a articulación de medidas correctoras.Así mesmo, os contratos tamén contemplan accións de identificación de zonas sensibles, plans de recuperación de áreas danadas, desenvolvemento de estudos concretos e redes de control, así como accións de concenciación social.
Galicia conta cun plan de control de verteduras dotado dun protocolo de actuacións coa Axencia Galega de Emerxencias para centralizar a atención telefónica dos avisos por posibles vertidos. Desde a súa posta en marcha do plan no ano 2010, atendéronse un total de 5.880 alertas --605 no último ano-- e levado a cabo 88.000 inspeccións, das cales, 7.136 foron en 2021.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.