Máis do 60% de pacientes covid nas UCIs galegas está sen vacinar

Así o apuntou o conselleiro de Sanidade, que prevé un mes de xaneiro "complexo" no tocante a hospitalizados, pero sen chegar ao nivel de vagas anteriores. Comesaña non descarta manter as restricións á hostalaría despois do 18 de xaneiro e celebra a boa marcha da vacinación infantil.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2022 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, prevé unha segunda quincena de xaneiro "complexa" no que respecta á presión hospitalaria. E é que, mentres que o pico de contaxios e casos activos da sexta onda da pandemia se prevé para a contorna dos días 15 ou 18, aínda tardará "unha semana" en chegar o pico dos ingresos en planta e "dúas" os de unidades de coidados intensivos (UCI).

Con todo, tal e como explicou nunha entrevista este domingo na Radio Galega, recollida por Europa Press, Comesaña confía en que as hospitalizacións sigan "contidas". De acordo cos últimos datos publicados polo seu departamento o domingo, as UCI contaban con 55 pacientes, menos do 0,1% dos máis de 65.000 dos casos activos de covid-19.

Neste sentido, o conselleiro puxo o foco en que "hai un ano" Galicia contabilizaba 6.000 casos activos por coronavirus pero "case os mesmos ingresados en UCI", que supuñan o 0,9%. "Agora, hai 10 veces máis casos activos pero moitos menos ingresados en UCI", resumiu, para seguidamente apuntar que a variante ómicron xera "moitos menos" pacientes críticos --esta cepa supón o 11%.

Non en balde, Comesaña aproveitou para lembrar que "máis do 60%" dos enfermos covid en coidados intensivos son persoas sen vacinar, cando a poboación galega que non conta con ningunha dose está na contorna do 6%.

CARGA MÁIS "ADMINISTRATIVA QUE ASISTENCIAL"

Nun contexto no que a sexta onda está a deixar datos de marca en Galicia, o conselleiro de Sanidade recoñeceu que a carga no Servizo Galego de Saúde (Sergas) é máis ben "administrativa que asistencial". Por iso mesmo, defendeu que a Xunta trata de "pór todas as medidas" que dispón "para descargar a Atención Primaria", como a autodeclaración de casos --no teléfono 881 540 045 ou nun formulario web-- e a incorporación de médicos xa xubilados, entre outras.

VOLTA ÁS CLASES

A un día da volta ás clases despois das vacacións do Nadal, o conselleiro de Sanidade estima que o curso se retomará coa contorna de 9.000 casos activos de covid-19 na comunidade educativa. De todos eles, uns 3.600 poderíanse corresponder con nenos de entre 5 e 11 anos, tendo en conta a incidencia acumulada desta franxa de idade.

A pesar de que queda un día para que finalice o parón, os protocolos sobre as corentenas nas aulas non están aínda finalizados. Segundo explicou Comesaña, este sábado aínda estaban "en discusión" entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade no seo da Comisión de Saúde Pública. "Aquí o Goberno foi lento. Fixemos unha reunión sectorial de sanidade e educación o martes día 4 e alí non levou ningún documento. E fixo (o Goberno) unha convocatoria in extremis para o venres e aínda non acabou", criticou.

A pesar de que os cambios no protocolo dos centros están "en concordancia" coas modificacións introducidas para a poboación xeral --confinamento de sete días para os positivos e exención de corentenas para os contactos estreitos maiores de 12 anos que teñan pauta completa, entre outros--, aínda falta redactar e valorar un documento final.

En calquera caso, o conselleiro recalcou que Galicia "apostou sempre por facer test" e, por iso, na última semana realizáronse sobre 6.400 probas por cada 100.000 habitantes, unhas 1.200 máis que a media española, segundo cifras que deu na entrevista. "E sen contar o test de saliva, que o Goberno non a conta", engadiu.

Entre as cuestións que faltan por pechar no protocolo, Comesaña mencionou "o limiar" de idade para eliminar as corentenas de toda unha aula cando haxa cinco ou máis positivos. Ademais, Galicia propuxo nesta Comisión que os alumnos con discapacidade si teñan que facer corentenas, "estean vacinados ou non", por "o difícil" que resulta que leven as máscaras todo o tempo.

VACINACIÓN EN NENOS "EXCELENTE"

De igual modo, reivindicou que os datos de vacinación a nenos na Comunidade galega "non pode ser máis excelente". Cos últimos datos do día 5 de xaneiro, o conselleiro estima que roldará o 60% de cobertura na franxa de 5 a 11 anos cunha dose, "case dobrando" a media española.

A próxima semana, tras a chegada de máis de 36.000 vacinas este luns, o Sergas administraraas entre o martes e o xoves --días 11, 12 e 13--, o que permitirá que Galicia teña xa "unha porcentaxe moi alta de nenos galegos coa primeira dose".

RESTRICIÓNS MÁIS ALÓ DO 18?

Noutra orde de cousas, o conselleiro de Sanidade recoñeceu que a Xunta non descarta manter máis aló do 18 de xaneiro as actuais restricións horarias na hostalaría --peche de bares e restaurantes a medianoite fóra de venres e sábados, que será á 1,00-- e a prohibición de reunións entre non convivientes de 3,00 a 6,00 da mañá --o xa coñecido como 'toque de non queda'--.

En palabras de Comesaña, "todo parece indicar que a diminución da interacción social" a partir do día 31 de decembro, cando se implantaron estas medidas, "debeu ser positiva con case toda certeza". Con todo, a Consellería aínda está "a empezar a ver os resultados das interaccións de fin de ano", polo que falta avaliar os datos da próxima semana para que o comité clínico estude "algún tipo de medida complementaria" ou, pola contra, aposte por estender as actuais "máis aló do día 18".

Uci dun hospital con sanitario e paciente
Uci dun hospital con sanitario e paciente | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

O 40% dos vacinados tamén rematan na UCI ? Deben ser vacinas moi eficaces por eso as pagamos a prezo de ouro ! E os datos son do SERGAS !

1 Sentidiño

Non. Hai dous millóns trescentas sesenta mil persoas vacinadas, e só trescentas e pouco mil persoas non vacinadas. Hai oito veces máis vacinados que non vacinados. E das cincuenta e cinco persoas ingresadas onte en UCIs, unha vintena pertence ao primeiro grupo, e máis de trinta ao segundo.

2 Gamela

Según as túas contas (55) 20 vacinados son o 36 % dos ingresados en UCI !