Sanidade, residencias e recuperación económica: as prioridades do BNG no reinicio do curso político

Pontón volve advertir que a atención primaria está "ao bordo do precipicio" por "responsabilidade directa" de Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 10/01/2022 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu que os servizos de atención primaria do sistema sanitario galego atópanse "ao bordo do precipicio" por "responsabilidade directa" do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a quen acusa de aproveitar a pandemia de forma "perversar" para "avanzar" no "proceso privatizador" da sanidade pública.

Así o subliñou a líder frontista no almorzo informativo celebrado na mañá deste luns no Parlamento de Galicia no que Pontón definiu os asuntos sobre os que pivotará a estratexia política do Bloque no reinicio do curso político tras o parón do Nadal.

Pontón lamentou que o ano 2022 bote a andar coa crise sanitaria aínda latente, aínda que quixo enviar unha "mensaxe de optimismo" porque cre que os case dous anos "moi duros" marcados pola pandemia evidenciaron a "capacidade de resiliencia do país".

"Temos fortalezas sobre as que mirar con optimismo o futuro", manifestou Pontón, que apunta á "crise dos servizos públicos exemplificada coa gravísima situación que vive nestes momentos o sistema sanitario público e, en especial, a atención primaria" como prioridade fundamental da estratexia política do Bloque no inicio do novo ano.

Un traballo que, continuou, tamén pivotará en torno o sistema de coidados e que levará á formación frenstista a defender no Hórreo unha proposición de lei sobre residencias "que cambie o modelo privatizado do PP".

A sitaución económica, marcada para Pontón, na crise industrial e unha inflación que provoca "que os galegos cheguen peor a fin de mes" é a outra prioridade da estratexia do BNG, que censura a "ausencia" dun "plan" do Goberno autonómico de Feijóo para facer fronte a estas problemáticas.

"En 2022, o Goberno galego segue sen un plan para o país. A única estratexia é repetir o que levan facendo estes anos: cada vez que hai un problema, buscar culpables. O dedo acusador de Feijóo non fai que os problemas desaparezan; ao contario, agudízaos", aseverou Ana Pontón.

ATENCIÓN PRIMARIA

A líder nacionalista asegurou que a formación que encabeza ten "a man tendida" para alcanzar acordos, pero que, para iso, o PP debe ter "a vontade" de "recoñecer erros" e "rectificar" certas políticas nas que "está a fracasar".

En primeiro lugar, Pontón considera que a Xunta ha de corrixir a estratexia seguida en materia sanitaria e, especialmente, na atención primaria, que vive unha situación "de xulgado de garda" que a levou "ao bordo do precipicio". Cualifica de "estratexia sucida" a forma de xestionar a "punta de lanza" na loita contra a pandemia como, di, demostra a instrución remitida a pasada semana a 14 centros da área sanitaria de Vigo para que só atendesen urxencias e casos covid.

Pontón defendeu a necesidade de que Feijóo compareza na Cámara autonómica para dar conta da situación da sanidade galega que, para a nacionalista, necesita "alternativas" ao afán "privatizador" que imputa ao Executivo galego.

Por iso, demanda un "plan de choque" dotado con 200 millóns de euros para reforzar a atención primaria e recuperar as súas xerencias propias "con capacidade resolutiva e orzamentos propios". Tamén expón unha estratexia de "retorno" a Galicia de persoal sanitario na emigración, así como destinar fondos ao sistema de rastrexo, o que, segundo Pontón, axudaría a "desconxestionar" os centros de saúde. "É posible cambiar a situación pero é necesaria vontade política", aseverou Ana Pontón.

SITUACIÓN ECONÓMICA

Por outra banda, a líder do BNG sinalou a situación económica como outra fronte para a estratexia do BNG este curso. Neste sentido, bota en falta coñecer cales son os plans da Xunta "para investir recursos" e lograr "grandes transformacións" no ámbito económico de Galicia, que precisa "crear industria e facelo de forma sustentable" porque "o turismo non pode ser a única estratexia do país".

Tamén insta o Goberno autonómico a aclarar cal é a súa proposta para o novo modelo de financiamento autonómico, que, para Pontón, require dunha "reforma ambiciosa que non pode reducirse a unha décima de máis ou de menos".

Así mesmo, apunta á inflación, na que a "estafa" do prezo da luz ten gran peso, como outra das cuestións que preocupan ao Bloque, que apunta á súa reivindicación de que Galicia sexa compensada polo seu carácter de "produtora" de enerxía como unha vía para atallar este asunto.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta