Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/01/2022 | Actualizada ás 21:20
Novos e continuos verquidos de lixiviados procedentes da balsa mineira de Bama situada nos terreos da mina de Touro, pertencentes ao grupo Explotaciones Gallegas, se están a producir ás augas do dominio público hidráulico. Iso vén de trasladar Ecoloxistas en Acción, que denunciou os feitos ante Augas de Galicia e o Seprona.
A organización ecoloxista sinala que as chuvias desbordan unha vez máis as balsas mineiras na contorna do denominado Humidal de Bama, espallando os residuos e lixiviados polos camiños e regatos da zona. Así, as escorrentías de augas de "cor escura, fétidas e con abundante espuma" estarían contaminando o río do Burgo, afluente do río Brandelos e este último, do río Ulla.
Ecoloxistas en Acción ten alertado de que, neses terreos, a empresa propietaria deposita diariamente toneladas de residuos que denomina “tecnosoles” nos ocos mineiros e nas ladeiras entre as que se atopa o coñecido Humidal de Bama e as suas cortas. O amoreamento de residuos que se chaman “tecnosoles” e o recrecido das balsas mineiras sen control, apuntan, son os causantes dos continuos verquidos de lixiviados ao dominio público hidraúlico.
A organización ecoloxista lembra que non é a primeira vez que isto sucede, nin a primeira vez que se denuncia, polo que agarda que a administración competente adopte "sin más demoras" as medidas necesarias para impedir que prosigan estes vertidos e a contaminación das augas da zona afectada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.