Por Europa Press / Redacción | Madrid | 11/01/2022 | Actualizada ás 16:13
O Instituto de Métrica e Avaliación da Saúde (IHME, polas súas siglas en inglés) prevé que máis do 50 por cento da poboación europea estará infectada por ómicron nas próximas 6-8 semanas, segundo avisou o director rexional da Organización Mundial da Saúde (OMS) para Europa, Hans Kluge.
Segundo Kluge, na rexión europea notificáronse máis de 7 millóns de novos casos de Covid-19 na primeira semana de 2022, o que supón máis do dobre nun período de dúas semanas. A 10 de xaneiro, 26 países informaron de que máis do 1 por cento da súa poboación se contaxia de Covid-19 cada semana.
Ademais, 50 dos 53 países de Europa e Asia central notificaron xa casos de ómicron. "Está a converterse rapidamente no virus dominante en Europa occidental e agora estase estendendo nos Balcáns", advertiu o director rexional da OMS Europa.
"Os datos cotexados nas últimas semanas confirman que ómicron é altamente transmisible, porque as mutacións que ten lle permiten adherirse ás células humanas con maior facilidade, e pode infectar mesmo a quen foron previamente infectados ou vacinados", lembrou o director rexional da OMS Europa.
Tal e como insistiu o mandatario da OMS en Europa, a variante ómicron representa un novo "tsunami" que "varre" a rexión, e que se suma á onda de delta que todos os países estaban a xestionar ata finais de 2021.
Así as cousas, fixo fincapé en que a forma en que cada país responda agora debe partir da súa situación epidemiolóxica, os recursos dispoñibles, o estado de aceptación da vacinación e o contexto socioeconómico.
Con todo, no que respecta ás taxas de mortalidade, Kluge destacou que "se manteñen estables" e que seguen sendo máis altas nos países con alta incidencia, "combinada cunha menor aceptación da vacinación", expresou.
Por iso, Kluge quixo reiterar que as vacinas actualmente aprobadas seguen proporcionando unha boa protección contra a enfermidade grave e a morte, "mesmo para ómicron".
"Pero, debido á escala sen precedentes da transmisión, agora estamos a ver un aumento das hospitalizacións por Covid-19", advertiu, para lembrar que "a maior carga de resposta a esta pandemia lévaa o persoal sanitario e asistencial, e outros traballadores esenciais de primeira liña". É por iso que pediu máis apoio para a súa saúde mental e o seu benestar.
DOMINANTE NA ÁREA DE PONTEVEDRA
O coordinador de hospitalización Covid e xefe de servizo de Dixestivo da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Juan Turnes, asegurou este martes que o 85 por cento dos casos rexistrados nesa zona corresponden á variante ómicron.
No balance realizado a martes 11 de xaneiro, o doutor resaltou o "incremento neto respecto a a semana anterior de 10 pacientes en hospitalización convencional e de 20 máis con respecto a hai dúas semanas".
Con respecto ás características dos pacientes, afirmou que "son bastantes parecidas, con algúns pequenos cambios". En concreto, en hospitalización convencional apuntou que se trata de "pacientes con idade media de 69 anos" e "seis de cada sete ingresaron nos últimos sete días". "A pesar de que se incrementa o número de ingresos, tamén se produce un número de altas importante", valorou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.