A Praza do Obradoiro poderá visitarse en tempo real desde calquera parte do mundo a través do 5G

Trátase dun proxecto piloto que a Xunta estuda implantar noutros lugares de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2022 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, dirixiu este martes a demostración dun proxecto piloto que, a través da tecnoloxía 5G, permite ver a Praza do Obradoiro a tempo real e desde calquera parte do mundo.

Esta conexión será posible grazas á cámara de 180º instalada no Concello e que dá cobertura da praza en tempo real. Para conectarse a esta cámara é necesario dispor dunhas lentes de realidade virtual, coas que poderemos interactuar con distintos puntos dos edificios da praza para acceder a información sobre o que se ve.

Na demostración, tamén estiveron presentes a directora xeral da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director de Servizos Públicos Dixitais de Rede.es, Francisco Javier García Vieira, o manager da Zona Norte RRII de Orange, Óscar Aragón, e o especialista en tecnoloxías emerxentes de Visyon, Emilio Blanque.

O proxecto forma parte do Plan Galicia 5G, que suma un total de 30 casos de uso desta tecnoloxía como o presentado este martes e que contou cun financiamento de 23 millóns de euros, ademais da colaboración de 40 entidades.

A outra parte do proxecto presentado consiste nunha aplicación móbil que involucra de maneira directa aos turistas que visiten a praza. Mediante o uso do teléfono, e da mesma forma que as lentes de realidade virtual, a aplicación válese da realidade aumentada para sobrepor sobre as fachadas dos edificios puntos cos que o usuario pode interactuar e recibir información de interese sobre o que ve.

OUTROS LUGARES

A directora xeral de Amtega, Mar Pereira, sinalou que a Xunta avaliará este tipo de proxectos para estudar a súa implementación en distintos lugares de Galicia. Nesa liña, o alcalde de Santiago subliñou que, da mesma forma que no Obradoiro, esta tecnoloxía pódese aplicar ao resto de fachadas da Catedral e outros puntos de interese turístico da cidade.

Ademais, Pereira destacou a utilidade da tecnoloxía 5G para Galicia á marxe de proxectos como o presentado, asegurou que esta "tecnoloxía sen fíos do futuro permitirá as mesmas prestacións que a fibra e que, por tanto, "é clave para mellorar a conectividade nun territorio caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica".

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a directora xeral de Amtega, Mar Pereira e o director de Servizos Públicos Dixitais de Rede.es, Francisco Javier García Vieira, durante a presentación do prototipo de tecnoloxía 5G.. XUNTA
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a directora xeral de Amtega, Mar Pereira e o director de Servizos Públicos Dixitais de Rede.es, Francisco Javier García Vieira, durante a presentación do prototipo de tecnoloxía 5G.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta