Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2022 | Actualizada ás 22:00
O pasado 5 de xaneiro a Xunta de Galicia abriu unha nova etapa na pandemia de Covid-19 coa entrada en vigor dun novo modelo de rastrexo, o “autodiagnóstico”. A grandes trazos, a administración autonómica decidiu deixar nas mans dos seus cidadáns o proceso de control de contaxios nun momento en que, día tras día, se rexistran marcas históricas de casos en Galicia. O cambio, apuntou a Xunta, busca alixeirar a carga asistencial da Atención Primaria; pero unha ollada máis detida dá pé a pensar en razóns económicas.
A principal novidade deste modelo é que, agora, os galegos contaxiados poden dar conta do seu positivo directamente ao Sergas sen pasar polo centro de saúde. Á parte, a administración autonómica reduce drasticamente os supostos nos que se realizarán PCRs gratuítas; xa que estas, de ser preceptivas en todos os contactos estreitos, pasarán a estar reservadas para pacientes con circunstancias moi concretas: síntomas graves, situación de risco, sanitarios, etc.
Deste xeito, a realización dos tests covid queda en man de cada un, sendo tamén responsabilidade dos contaxiados dar parte do seu positivo á administración. De acordo coa Xunta, o “autodiagnóstico” permitirá reducir a elevada carga asistencial da Atención Primaria, ocupada máis en xestións administrativas relacionadas coa covid que no tratamento de casos graves.
O Goberno de Feijóo dálle así a volta ás protestas de médicos e pacientes contra a saturación da Atención Primaria para xustificar unha medida que xa está a xerar receos entre a comunidade médica. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra aseguraba, xornadas atrás, que o modelo proposto pola Xunta chocaba coa legalidade vixente e que, á parte, podía incidir negativamente na saúde da poboación, posto que deixa o rexistro de positivos á vontade de cada persoa.
Do mesmo xeito, fontes sanitarias apuntan as súas dúbidas de ata que punto o novo sistema contribuirá a reducir a carga dos sanitarios, xa que estes seguirán a ocuparse de tramitar as baixas laborais dos contaxiados. Precisamente, a administración autonómica arrincou o pasado luns a contratación de traballadores temporais para que dean resposta ao aluvión de tarefas burocráticas que están a recibir os centros de saúde de Galicia. Polo momento, Sanidade non concretou unha cifra para este novo reforzo.
AS PCR, UN GASTO MILLONARIO
Todas estas sombras fan supoñer que, detrás da medida da Xunta de Galicia, se agocha a vella pulsión privatizadora e a intención do Goberno de Núñez Feijóo de recortar gastos na xestión da pandemia. Dende o estalido da covid-19, en Galicia realizáronse case 3’5 millóns de PCRs. Tendo en conta que, aínda hoxe, o prezo destas probas de laboratorio oscila entre os 80 e os 120€, o resultado é unha conta moi avultada. E a cuestión podería encarecerse aínda máis, tendo en conta que a Comunidade supera xa moi amplamente os 50.000 casos activos e cada unha das novas persoas contaxiadas contará cos seus respectivos contactos estreitos. Trataríase, en suma, dunha factura difícil de asumir.
Por iso a Xunta de Galicia deixa agora o diagnóstico dos casos activos na poboación, para que sexa esta quen faga fronte, do seu peto, ás probas que precise. Só na última semana do ano pasado, os galegos pagaron medio millón de tests de antíxenos, que actualmente oscilan arredor dos 4 ou 5€ por unidade. O Goberno vén de se comprometer a limitar esa contía no futuro, pero sen achegar unha cifra.
A Xunta, pola súa banda, anunciou que ofrecería tests gratuítos nas farmacias para que o alumnado galego puidese facer un cribado antes de volver ás aulas o pasado día 10. Pero o reparto foi máis ben deficiente, deixando a unha boa parte da rapaza sen cubrir porque o Sergas tan só achegou 15 tests por establecemento ao día, como destacou a Federación Provincial de Anpas de Lugo.
O PERIGO DOS ANTÍXENOS
Alén da cuestión económica, a perigo aberto por esta nova estratexia da Xunta estriba no papel dos tests de antíxenos; que, polo seu menor custe, serán os escollidos por boa parte de galegos. Os antíxenos contan cunha taxa de fiabilidade substantivamente menor que a PCR: nos preámbulos do Nadal as farmacias destacan a posibilidade de rexistrar falsos negativos con eles; e, hai apenas uns días, coñeceuse a retirada dun lote das mesmas probas por dar falsos positivos.
Nos primeiros compases da pandemia, a OMS alertou do perigo de reducir o rastrexo aos casos máis graves de covid. Apuntaban que, deixando a un lado os asintomáticos, abríase a porta a unha transmisión comunitaria que había de afectar a grandes capas da poboación. Galicia enfronta, neste momento, unha sexta vaga que marca récords de positivos a cada xornada e, segundo as autoridades, non comezará a decaer ata finais de mes. Á parte, os casos rexistrados polo Sergas poderían supoñer só unha parte dos que realmente están circulando, xa que a taxa de positividade das PCR segue moi riba do 5% marcado pola OMS, chegando a rozar o limiar do 30%. Neste contexto, as UCIs da Comunidade seguen contidas na barreira dos 50 contaxios. Pero o alcance das festas de Nadal, apuntou o Conselleiro de Sanidade, aínda está por ver.
RESPOSTA DA XUNTA
Pola súa banda, a Consellería de Sanidade asegura que o seguemento do sistema actual non resulta menos exhaustivo que o que se desenvolveu ata o momento. Dende Sanidade apuntan, neste aspecto, á evolución da situación pandémica da man da ómicron, que deixa o papel das administracións públicas nunha fase de "mitigación". Asimesmo, defende que os cambios introducidos permiten alixeirar a carga de traballo da Atención Primaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.