Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2022 | Actualizada ás 13:16
O administrador concursal e o comité de empresa de Alu Ibérica, liderado polo seu presidente, Juan Carlos López Corbacho, reuníronse este xoves coa directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, para "buscar unha alternativa industrial" á planta da Coruña e "pola en marcha canto antes".
Aínda que, tal e como asegurou Corbacho á saída da reunión, "non hai novidades de momento", incidiu en que se atopan ante "unha situación crítica, na que hai tratar de buscar a activación da planta". "Cónstanos que hai carga de traballo para a planta da Coruña, para a parte de aluminio e para a pasta metalúrxica, así que imos explorar esa vía para tratar de pór a planta en macha canto antes", explicou.
Sobre a mesa, dous proxectos industriais: por unha banda, a produción de aluminio primario complementado con aluminio secundario, "o plan A" para Corbacho; e por outra, a produción só de aluminio secundario. "Para chegar aí, hai que reactivar a planta, que leva sen producir desde xullo e cos traballadores en Erte desde novembro", lembrou Corbacho, que apuntou ademais que fai falla financiamento, o que espera que se concrete na reunión co Ministerio de Industria prevista para o vindeiro martes.
Onde non entrou Corbacho é no prezo de venda da planta, sobre o que se limitou a dicir que "seguramente ten unha débeda importante, pero ten activos que seguramente sexan moito máis importantes que a débeda que poida ter".
A XUNTA PIDE "IMPLICACIÓN" AO GOBERNO CENTRAL
Pola súa banda, a directora xeral de Planificación Enerxética incidiu en que o obxectivo de todos "continúa sendo manter un contacto activo co administrador e o comité de empresa para buscar a mellor solución posible á planta coruñesa: buscar un investidor e reactivar a planta canto antes".
Uría explicou que tanto a Xunta como o equipo técnico de traballadores da planta traballaron nun caderno de venda no que se ofrecen as diferentes posibilidades viables, revisado este xoves polo administrador concursal. Así, a pesar de recoñecer que a situación é "complicada e complexa", a representante autonómica defendeu que o futuro da planta "pasa por un binomio de sustentabilidade; unha produción de aluminio verde que realmente cambie o proceso produtivo de Alu Ibérica".
Coa meta ademais de "manter o emprego na medida das posibilidades reais que poida haber na planta", Uría pediu ao Goberno que "arrime o ombreiro", tanto ao Ministerio de Industria como ao de Transición Ecolóxica, para "darlle un xiro de 180 graos a esta situación". "Levamos nesta situación desde fai tres anos porque non existe un marco eléctrico estable e competitivo, e ese é a orixe real do problema, cada vez máis perentorio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.