Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/01/2022 | Actualizada ás 20:23
A Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm) rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa lexislativa popular (ILP) na que demanda unha lei de protección de montes comunais.
Segundo explica esta entidade, búscase con esta proposta de lei "contrarrestar" os cambios normativos do PP para "privatizar" os montes veciñais co fin de "entregalos a empresas forestais e madeireiras".
Denuncian que "a campaña do Partido Popular para confiscar os montes comunais comezou no ano 2012 coa promulgación da lei de montes de Galicia". "Deu un salto importante neste intento coa lesiva lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta de Galicia do presente ano, na que o Partido Popular regulaba a usurpación dos montes veciñais" para entregarllos a concellos e e industrias madeireiras, sostien.
Avisa de que, agora, a Conselleria do Medio Rural "pretende dar o golpe definitivo ao roubo dos montes veciñais" ao incluír na orde do Consello Forestal do 18 de xaneiro un punto para o "inicio da revisión normativa que regula os montes veciñais".
A Organización Galega de Comunidades de Montes alerta de que o Partido Popular "quere dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica e eliminar o seu carácter comunal e intrasferible".
O texto da proposta de lei de montes veciñais foi elaborada en asembleas de comunidades de montes celebradas en todas as zonas de Galicia.
Os principios fundamentais que motivan a presentación desta ILP son o reforzo do carácter xermánico (comunal) dos montes veciñais, a mellora do funcionamento asembleario e democrático, o recoñecemento da titularidade veciñal como unha mais e distinta das titularidades públicas e privadas, así como alcanzar un monte multifuncional cunha fiscalidade adecuada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.