A fenda de xénero no uso da Internet rompe por primeira vez en Galicia no 2020

Un 87,8% de usuarias empregou tecnoloxías fronte ao ao 87,5% dos homes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2022 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

Galicia "rompeu" por primeira vez en 2020 coa fenda dixital de xénero, ao rexistrar un 87,8% de usuarias de internet nos últimos tres meses fronte ao 87,5% dos homes. Estes datos, entre outros, despréndense do informe 'A sociedade da información desde unha perspectiva de xénero', publicado este sábado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Este informe analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías en Galicia, a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE). "En termos evolutivos, a brecha de xénero no uso de Internet nos tres últimos meses era de tres puntos porcentuais en 2016, e foi reducíndose paulatinamente ata anularse por primeira vez en 2020", destaca a Consellería de Emprego e Igualdade nun comunicado.

Ademais, o uso da Rede entre as mulleres galegas supera nun punto porcentual a media da Unión Europea. Por idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala a porcentaxe de homes no tramo de idade de 35 a 65 anos.

Actualmente, indica o documento, en Galicia non se rexistra brecha de xénero en uso de dispositivos electrónicos --teléfono móbil con acceso a Internet, computador de sobremesa, portátil ou tablet--. Así, o 91,4% das mulleres galegas, fronte ao 91,2% dos homes, utilizaron este tipo de dispositivos nos últimos tres meses, cunha porcentaxe feminina igual ou superior ao masculino entre as mulleres de máis de 34 anos.

COMERCIO E ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

Doutra banda, a proporción de mulleres que compran por Internet tamén se incrementou en 6,2 puntos porcentuais no último ano, ata alcanzar o 57,1%. Compran máis as mulleres por internet ata os 45 anos; unha tendencia que se inviste en idades máis elevadas. Con todo, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da Rede en Galicia é superior en 2,9 puntos ao que se rexistra entre as mulleres.

No que respecta ao uso da eAdministración, "as diferenzas son mínimas". As mulleres están a un punto porcentual no uso da rede dos homes para a obtención de información, descarga e entrega de documentación ou obtención de documentos persoais. Tamén, tres de cada catro mulleres que usan internet obteñen información das Administracións Públicas e máis do 70% descargan e envían formularios oficiais cubertos.

Unha muller traballa diante de varias pantallas de ordenador.
Unha muller traballa diante de varias pantallas de ordenador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta