Por Galicia Confidencial | A Coruña | 17/01/2022 | Actualizada ás 11:44
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu este luns a transferencia a Galicia das competencias de ferrocarril interior, o que viría acompañado de "financiamento" e, ao seu xuízo, "significaría ter máis recursos" para pór solución aos problemas de mobilidade.
Díxoo tras realizar o traxecto Ferrol-A Coruña en tren, xunto ao deputado Néstor Rego, e ao portavoz municipal en Ferrol, Iván Rivas, que foron recibidos na estación da cidade herculina polo edil Francisco Jorquera e outros membros do partido.
Sobre a súa primeira demanda, Pontón esgrimiu que outras comunidades autónomas como Euskadi, Cataluña ou Andalucía xa teñen as competencias en materia de ferrocarril interior e lamentou que esta petición xa a formulou o Parlamento galego hai anos, pero "a Xunta non moveu nin un dedo para conseguilo".
Por iso, urxiu "un plan de compensacións" a Galicia en materia de ferrocarril que permita electrificar vías, mellorar as que existen e dotar á comunidade dun servizo de proximidade. "Hai que recuperar como mínimo os servizos que tiñamos antes da pandemia, porque non pode ser que a covid signifique ter menos posibilidades de mobilidade e que isto sexa unha escusa máis no desmantelamento do ferrocarril", sostivo Pontón.
Así, explicou que coa súa viaxe reivindicativa quería porse na pel dos estudantes e traballadores que usan o tren para viaxar de Ferrol á cidade da Coruña. Usar este medio como transporte habitual, criticou, é "misión imposible", debido ás frecuencias -dúas diarias-, a duración -unha hora e vinte minutos-, e o custo.
"Por estrada son 53 quilómetros. Case podemos dicir que son heroes e heroínas os que collen o ferrocarril", subliñou a líder do BNG. Neste sentido, condenou que "isto é unha anomalía porque en toda Europa faise unha aposta polo ferrocarril como medio de transporte habitual", dado que é un medio "máis sustentable" e económico. "Galicia non pode estar á marxe desta tendencia", remarcou.
Neste sentido, culpou diso aos "sucesivos Gobernos do PP e o PSOE no Estado, coa complicidade da Xunta". "Temos dereito a ter servizos de proximidade. É necesario que haxa actuacións no curto e medio prazo. Non podemos permitir que Galicia salga discriminada, que non teñamos un tren do século XXI", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.