Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/01/2022 | Actualizada ás 14:06
Os casos activos de Covid-19 nas residencias de maiores en Galicia seguen en aumento e ascenden a 555, que supoñen 143 máis que os 412 rexistrados hai unha semana --a Xunta actualízaos cada mércores-- concentrados en 58 centros. Destacan brotes de 45 e 43 contaxiados en instalacións de Ferrol e A Mezquita, Ourense, respectivamente.
Segundo os datos actualizados este mércores polas consellerías de Política Social e Sanidade, o megagromo con 105 usuarios da Residencia Bembrive de Vigo redúcese a 16 maiores contaxiados. Dos datos actualizados, destacan os brotes con 45 usuarios contaxiados na Residencia Mi Casa de Ferrol e os 43 na San Martín da Mezquita, aos que se engaden os 35 rexistrados en El Rocío de Vigo.
Pola súa banda, a Residencia Xeriátrica de San Cosme de Rubiá concentra 34 usuarios contaxiados e a Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa rexistra 30 maiores con Covid-19. Con máis dunha vintena de casos sitúanse as residencias ourensás de Larouco (28) e San Martiño de Nogueira de Ramuín (24), seguidas da dos Tercios de Touro (20), a Residencia Valadouro (20) e a da Virxe de Guadalupe de Mos (20).
CENTROS DE DISCAPACIDADE
En canto ás residencias de atención á discapacidade da Comunidade galega, os casos activos de Covid-19 aumentan a 42 en sete centros, que implican 31 máis que hai unha semana. En concreto, destacan os 19 casos no CAPD de Sarria, 13 na Residencia Gravemente Afectados Juan Vidán Torres de Santiago e seis nas Esclavas de la Virge Dolorosa de Mos.
Pola súa banda, cun caso de Covid en cada unha atópanse as residencias La Casa de Lamastelle de Oleiros, a Pai Menni de Betanzos, CAPD de Redondela e Residencia de Atención Integral Apamp de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.