Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 20:30
O videoxogo galego 'The Waylanders' xa ten data de lanzamento: o día 2 de febreiro. Trátase dun proxecto da empresa coruñesa Gato Salvaje Studio orzamentado en cinco millóns de euros e que está baseado na mitoloxía celta, que se desenvolve na Gallaecia romana e o Reino de Galicia da Idade Media.
Ata o de agora, só puideron acceder a este videoxogo de rol as persoas con acceso anticipado, que poderán descargar o novo contido a partir dese día de lanzamento. Segundo informa a empresa nun comunicado, este segundo acto conta con novos escenarios, personaxes reencarnados, armas melloradas e novas habilidades que agardan por máis xogadores e xogadoras que queiran mergullarse na época medieval de 'The Waylanders'. Aquelas persoas que compren o xogo ata esa data poderán facelo ao prezo actual de 34,99 euros en Steam e GOG. Co lanzamento, o prezo incrementarase ata os 39,99 euros, cun desconto as primeiras dúas semanas do 10%.
"Os xogadores do Acceso Anticipado puideron explorar a época celta, coñecer os seus compañeiros na aventura e explorar coloridos escenarios cheos de maxia", indica Gato Salvaje. Mais a partir do 2 de febreiro, os fans dos RPG "darán un salto desde o pasado ata a época medieval, onde a pedra tomou o espazo dos bosques encantados, e a humanidade ocupou as terras unha vez habitadas por criaturas mitolóxicas", explican.
O segundo acto de The Waylanders versa sobre o redescubrimento, desde os cambios na terra e o alzamento de novas faccións, ata as personaxes reencarnadas e os compañeiros transformados. "Moitas cousas serán diferentes respecto da experiencia previa", di Fernando Prieto, socio de Gato Salvaxe. "Estamos a esperar emocionados a resposta da comunidade a todos os cambios que propoñemos ao mundo de The Waylanders".
Como en moitos RPG, a historia baséase en experiencias máis aló do personaxe principal. A primeira tarefa ao chegar ao futuro será reconstruír o equipo de heroes que acompañarán á persoa xogadora no resto da aventura. O druída Amergin será un dos primeiros en aparecer para continuar a historia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.