Por E.P. | Ourense | 24/01/2022 | Actualizada ás 20:11
O que fora secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero celebrou o "apoio maioritario" obtido por Rafael Rodríguez Villarino nas primarias á Secretaría xeral do PSOE provincial de Ourense. Villarino apoiou nas primarias do PSdeG ao xa exsecretario xeral Gonzalo Caballero.
O deputado do PSdeG sostén que "o socialismo de Ourense apostou por un proxecto decidido de abaixo arriba, afastado de instrucións doutras instancias e coa prioridade de combater as políticas caciquiis da dereita ourensá".
Ademais, puxo en valor o "magnífico traballo" de Villarino na súa primeira etapa como secretario provincial, na que coincidiu con Gonzalo Caballero como secretario xeral. "En Ourense crecemos en concelleiros nas eleccións municipais, en deputados nas xerais e en parlamentarios nas autonómicas", sinalou para lembrar tamén que o PSdeG gañou as eleccións na cidade con Villarino como candidato e que o PP de Baltar perdeu por primeira vez a maioría absoluta na provincia.
Por último, tamén trasladou o seu recoñecemento a "un grande alcalde" como Alfredo García, a quen considera "un referente do municipalismo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.