Por Europa Press / Redacción | Ourense | 25/01/2022 | Actualizada ás 19:11
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a un operario municipal do Concello de Baños de Molgas a un ano de prisión, así como ao pago dunha multa de 1.260 euros, como autor dun delito de atentado por agredir ao rexedor, Xaime Iglesias (BNG).
Os feitos ocorreron o 3 de novembro de 2020, sobre as 9,45 horas, cando o empregado, xunto con outro compañeiro de traballo, estaban no interior dun bar durante o seu horario laboral. O alcalde, segundo consta nos feitos probados da sentenza, recriminoulle que estivesen alí ao ser precisamente horario de traballo, unha situación que desencadeou a agresión.
Durante a sesión do xuízo celebrada o pasado luns na Audiencia Provincial de Ourense o rexedor municipal esgrimiu que "unicamente tentaba transmitir que, por respecto aos veciños non podían estar no bar en xornada laboral", xa que previamente chamara ao coordinador dos operarios e indicoulle que os empregados terían que estar nunha leira cortando pedras.
Os xuíces destacan que o alcalde cumpría coas súas funcións, xa que foi no exercicio da súa actividade municipal cando lle recriminou ao acusado a súa "ociosa conduta laboral". Así pois, conclúen que "procuraba o correcto funcionamento" do servizo público do que se ocupaba o traballador.
En cambio, o tribunal absolveu ao procesado dos delitos de odio, malos tratos de obra, lesións e ameazas leves.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.