Por Galicia Confidencial | OURENSE | 28/01/2022 | Actualizada ás 13:14
"Sigo crendo que ese soño que me fixo vir de París a Verín para montar unha industria de moda foi unha das mellores decisións da miña vida”. Así se expresou o empresario Roberto Verino no acto onde recibiu, e agradeceu, o Premio Mentor 2021 que lle concedeu a Asociación de Novos Empresarios de Ourense (AJE) na súa gala anual.
Un recoñecemento que se lle outorgou, en palabras da presidenta de AJE Ourense, Nuria Iglesias, "polo gran compromiso de Roberto Verino coas novas xeracións de empresarios e pola súa impecable traxectoria e legado, mostras do talento e futuro de Ourense”. Na gala, o premiado Roberto Verino destacou a importancia de ter un proxecto sólido de empresa e rodeado de valores “que fan que empresas como a nosa estean ao pé do canón tras 40 anos”, asegurou.
Pola súa banda, Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación subliñou que “empresarios como Roberto Verino, cunha traxectoria tan dilatada, son un orgullo para Galicia e son unha fonte de inspiración para todos os emprendedores que empezan co seu soño e queren saír adiante”.
No acto tamén se recoñeceron o compromiso empresarial con galardón para a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Parkinson e Enfermidades Raras; a mellor iniciativa emprendedora ao estudo de interiores de Thais Ladra e o de novo empresario, que recaeu na arquitecta Fátima Fernández.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.