Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2022 | Actualizada ás 13:29
A Xunta de Galicia investirá máis de 34 millóns de euros ao longo de 2022 na construción, mellora e modernización das infraestruturas de atención primaria do sete áreas sanitarias.
En concreto, tal e como explicou a Consellería de Sanidade nun comunicado, destinarán 25.923.853 euros para a construción de novos centros de saúde e outros 4.203.320 euros para obras de reforma neste tipo de instalacións. Destacan que se trata da segunda maior partida para investimentos en atención primaria desde o ano 2005, "só superada pola de 2021, na que se incorporaba unha partida de 20 millóns do fondo covid destinada a obras menores para adaptar circuítos e espazos á pandemia".
Por provincias, para a da Coruña hai reservados 700.000 euros para o inicio da obra en Abegondo dentro da partida global de 6.932.050 euros para a construción de novas infraestruturas de atención primaria.
Pola súa banda, Lugo conta con outros 400.000 euros reservados dentro desa partida xeral para o inicio da obra do novo centro de saúde de Antas de Ulla, cuxo proxecto acaba de ser adxudicado, ademais dunha partida específica de 6,2 millóns para a continuación da obra do Centro Integral de Saúde da cidade de Lugo.
En Ourense hai unha partida unha específica de 1,5 millóns de euros para iniciar as obras do novo Centro Integral de Saúde da cidade, cuxo proxecto xa foi adxudicado mentres que, dentro da partida global de construción de novas infraestruturas tamén conta con 400.000 euros destinados ao comezo das obras na Rúa.
Por último, na provincia de Pontevedra, ademais da partida específica de 2,3 millóns de euros para o comezo da obra do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, xa licitada, a partida global reserva 3.700.000 euros para arrincar a obra de ampliación do centro de saúde no Porriño e outros 932.050 euros para comezar a construción do centro de atención primaria de Moaña.
Tamén dentro desta partida xeral para a construción de novos centros de saúde hai un total de 800.000 euros para a licitación dos proxectos de novos centros de saúde que figuren na prioridade 1 de novo Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, segundo os respectivos concellos asinen os preceptivos convenios coa Xunta para ceder as parcelas necesarias para a súa construción.
Eses centros son Noia, Porto do Son e Ribeira, na Coruña; Pantón, Ribadeo e Sacro Corazón en Lugo; Boborás, Muíños e O Carballiño enOurense; e Soutomaior, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, O Grove, Cangas e A Guarda en Pontevedra.
REFORMAS E MELLORAS
Doutra banda, dentro da partida orzamentaria para reformas e melloras en centros de saúde, dotada con 4.203.320 de euros, está destinado un millón de euros para iniciar a reforma do centro de saúde de Conxo en Santiago; 454.320 euros para finalizar a reforma do centro de saúde de Ribadavia e outros 100.000 euros para finalizar as obras do de Arnoia.
Ademais, dentro desta mesma partida, hai 2,65 millóns de euros para licitar as obras de reforma nas instalacións que figuren na prioridade 1 do novo Plan de Infraestruturas de Atención Primaria. Neste caso son os centros de saúde de Carballo, Cedeira e Culleredo na provincia da Coruña; o da Milagrosa en Lugo, Meira e Outeiro de Rei na provincia luguesa; e o de Moraña en Pontevedra.
A Consellería lembra que a estas cantidades súmanse un millón de euros para financiar o novo centro de saúde de Santa Lucía, na Coruña. Esta cantidade, sinalan, transferiuse ao Concello coruñés, encargado de licitar o proxecto e obra.
Está programado tamén un orzamento de 3,2 millóns de euros para a climatización en centros de saúde e 1,5 millóns de euros para a renovación de equipamento nas infraestruturas de primeiro nivel asistencial. Estas partidas, apuntan, concretaranse tras a licitación dos respectivos contratos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.