A Xunta prevé "consolidar" a recuperación económica en 2022 ata alcanzar "datos de crecemento prepandemia"

Conde afea a "arbitrariedade" do Goberno na repartición de fondos europeos e pide convocar o PERTE da automoción "canto antes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2022 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, prevé que para 2022 se consolide a recuperación económica en Galicia xa iniciada en 2021 e chegue "ao conxunto dos sectores produtivos" ata alcanzar "datos de crecemento prepandemia".

Así o manifestou nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, recollida por Europa Press, na que o tamén conselleiro de Economía, Empresa e Innovación destacou o comportamento "en positivo" da Comunidade nos datos macroeconómicos de 2021.

E é que, de acordo con cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE), o produto interior bruto (PIB) de Galicia creceu un 5,3 por cento o ano pasado, o que supón "máis da metade" do perdido en 2020 e superar o 5% da subida marcada a nivel estatal. Ademais, de face ao 2022, a previsión do Goberno autonómico é "que se poida consolidar en 2022 e confirmar esa recuperación económica".

En canto ao emprego, cunha taxa de paro da contorna do 11 por cento en Galicia, Conde celebrou que o seu comportamento vaia "acorde á actividade e dinamización económica". "Por tanto, conseguimos pechar 2021 marcando unha recuperación clara do mercado laboral. O número de parados continúa en niveis previos á pandemia", resumiu.

"ARBITRARIEDADE" NOS FONDOS EUROPEOS

Noutra orde de cousas, o vicepresidente segundo da Xunta referiuse ao requirimento lanzado contra o Executivo de Pedro Sánchez pola "arbitrariedade" da repartición dos fondos europeos destinados ao emprego.

"O que pedimos ao Goberno son dúas cousas sinxelas. Primeiro, que haxa unha planificación e unha visión clara de pasos que se queren dar sobre os fondos europeos; e, en segundo lugar, que poida retomar o diálogo e a cogobernanza coas comunidades", explicou Conde.

Tal e como denunciou, o de Sánchez é un Executivo "recentralizador" de políticas industriais, de vivenda e de emprego, mentres que "o que lle interesa a Galicia é que acerte", para o que ten que "abandonar esa arbitrariedade".

"FALTA DE SENSIBILIDADE" DO GOBERNO COA AUTOMOCIÓN

Así mesmo, o vicepresidente económico da Xunta mostrouse "enormemente preocupado" pola xestión do Goberno central co sector da automoción, xa que ten unha "falta de sensibilidade evidente que está a xerar incerteza".

En concreto, solicitou un "cambio claro" da actitude do Executivo con Stellantis, o "principal produtor de vehículos en España", para que a súa fábrica en Vigo "estea en condicións de atraer novos modelos".

Para iso, Conde considera que o Goberno "ten que convocar o PERTE da automoción canto antes" e "confirmar" se a candidatura da Xunta "vai atender aos investimentos que realmente necesita" o sector.

Arquivo - Francisco Conde, conselleiro de Economía na Radio Galega. RADIO GALEGA - Arquivo
Arquivo - Francisco Conde, conselleiro de Economía na Radio Galega. RADIO GALEGA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta