Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 14:32
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, emprazou ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a "facilitar a tramitación de todos os parques eólicos que sexan necesarios para que o prezo da enerxía sexa competitivo" para a planta de Alcoa en San Cibrao.
O líder dos socialistas galegos pronunciouse deste xeito tras manter en Cervo un encontro co comité de empresa da factoría. Na súa intervención, da que informou o PSdeG, acusou Feijóo de ir "a San Cibrao a meter medo a toda unha comarca" e "pór en dúbida o traballo enorme dos representantes dos traballadores" da planta de aluminio.
O responsable socialista esixiulle ao presidente da Xunta que acuda a "mostrar un camiño de luz e esperanza" e emprazou a todas as administracións implicadas a que "poñan toda a carne no asador" para "acompañar no proceso" e que "a posta en marcha das cubas sexa unha realidade". Ademais, Formoso ratificou o apoio do PSdeG "ao completo e a toda unha comarca que ten que volver producir aluminio primario", unha necesidade "estratéxica para Galicia e para todo o país".
O xefe de filas dos socialistas galegos desprazouse ata Cervo, onde mantivo unha reunión co comité de empresa da planta de Alcoa para "coñecer ao detalle o seguimento do acordo formado coa compañía". Na reunión tamén estiveron presentes a parlamentaria autonómica Patricia Otero e o secretario de Industria do PSdeG e alcalde de Ferrol, Ángel Mato.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.