Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 22:15
Veciñanza e entidades ecoloxistas da comarca de Arzúa veñen de anunciar a creación do colectivo 'Arzúa Sostible', que loita contra a reapertura da mina de Touro "polo seu impacto negativo sobre a saúde pública e o medio ambiente". A creación desta entidade ten como finalidade "facilitar o asesoramento e a presentación de documentación administrativa ante o hipotético desenvolvemento dun novo plan extractivo por parte de Cobre San Rafael e Atalaya
Mining/Explotaciones Gallegas", segundo indican no comunicado. Ademáis, buscan "brindar toda a información á poboación interesada na problemática que o eido mineiro está a xerar a
nivel territorial".
UN PROXECTO MINEIRO "SEN LICENZA SOCIAL"
A plataforma asegura que aínda que as empresas se "esforcen en mercar a vontade popular", o proxecto da mina de Touro sempre contou cunha "completa falta de licenza social". Engaden que a pandemia non pode ser e "excusa" para impoñer unha explotación que comportaría un "serio impacto negativo sobre a saúde pública e a conservación ambiental" da comarca de
Arzúa.
Neste senso, o grupo veciñal considera unha "mera compra a golpe de talonario" a propaganda do programa "Terras da xente" da empresa Cobre San Rafael, que segundo o colectivo, "pretende mercar o apoio de entidades locais da bisbarra á súa pretendida explotación mediante 25.000 euros, o que non deixa de ser pura 'caldeirilla' en comparación co seu volume de negocio en Andalucía".
Para 'Arzúa Sostible', chama a atención que mentres Cobre San Rafael S.L. 'vende' a proposta como un fito de “transparencia, ética e responsabilidade real ambiental e social”, as dúas empresas matrices que integran a mercantil, tanto Atalaya Mining como Explotaciones Gallegas, acumulan tanto queixas veciñais como expedientes sancionadores polas "irregularidades" cometidas tanto en Andalucía como en Galicia.
FENDAS NAS PAREDES DAS CASAS
Así, o colectivo refírese tamén á explotación de Atalaya Mining en Riotinto, cuxas voaduras con explosivos están a provocar fendas en muros, teitos e paredes nas casas da veciñanza do barrio do Alto de la Mesa. Critican igualmente o sistema de balsas mineiras, considerado como o "máis perigoso de Europa", e as política dunha empresa "que acumula expedientes sancionadores, escándalos internos, altos niveis de sinistralidade laboral e numerosos incumprimentos en materia ambiental, que incluso derivaron en actuacións de oficio por parte da Fiscalía", indican no comunicado.
Pola súa banda, Explotaciones Gallegas, propietaria da mina de Touro, recibiu nos últimos anos máis de 80.000 euros en multas polas súas "verteduras" e "irregularidades" cometidas en relación co dominio público hidráulico. "Esa é a realidade, e non outra, das empresas que pretenden desenvolver o proxecto de reapertura da mina de Touro, e que se definen claramente polos seus feitos. Porque hai cousas que o diñeiro non pode comprar: o sentido
común e o amor á terra", sentenza a recén nada 'Arzúa Sostible'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.