Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 14:59
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou que "calquera tipo de abuso, afecte a quen afecte", debe de "ser investigado" pero criticou que se pretenda crear unha comisión no Congreso para investigar a unha soa organización. Así se pronunciou este xoves ao ser preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta pola postura do Partido Popular contraria á posta en marcha deste órgano na Cámara baixa.
"Facer só unha comisión de investigación para unha organización paréceme que é unha comisión bastante incompleta", dixo Feijóo, que asegurou que os "abusos a menores afectan a distintas organizacións públicas e privadas". "E mentres non erradiquemos este tipo de actuacións, debemos ser moi serios e moi rigorosos na investigación completa, sen distincións a quen investigamos", defendeu.
Ademais, preguntado polas palabras do cura de Momán, no municipio de Xermade, que tachou de "terroristas" á cúpula dos bispos españois por desentenderse dos casos de pederastia, o presidente da Xunta asegurou que "esas manifestacións cualifícanse por si soas". "Chamar terroristas aos bispos non é de recibo, eu non son bispo de nada, pero sorpréndeme que un membro da Igrexa chame terroristas aos bispos. O que ten que facer é, se ten algunha información, denunciala", afirmou Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.