A prol ou en contra dunha taxa aos turistas?

Un estudo sinala que a maioría de residentes de Santiago de Compostela enquisados están a prol dese imposto. Seis de cada dez consideran que sería beneficioso para a cidade. O Concello traballa na aplicación desa taxa, mentres os barrios históricos sofren unha masificación turística.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Deberíase cobrar unha taxa especial aos turistas que visitan Santiago de Compostela, cidade Patrimonio da Humanidade? A idea leva xestándose desde hai uns anos, pero aínda non se materializou. O último paso cara a esta posibilidade deuse a finais de novembro de 2021, cando o pleno do Concello compostelán acordou instar á Xunta a crear e regular unha taxa que permita gravar as estancias turísticas con ou sen pernoctación. Foi nunha iniciativa aprobada por unha proposición presentada por Compostela Aberta (CA) e á que se lle deu luz verde co voto a favor de PSOE, CA e BNG. Pola súa banda, o PP abstívose.

Turistas en Santiago de Compostela
Turistas en Santiago de Compostela | Fonte: Elisa Piñón - Europa Press.

O texto inicial da proposición foi defendido por Compostela Aberta, sustentándose en boa parte nun estudo dirixido por Luis Caramés, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, e apoiado pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, sobre a implantación da taxa turística en Santiago, e que foi presentado ao sector na reunión do Consello Municipal de Turismo do 9 de outubro do ano pasado.

Segundo Marta Lois, Santiago está vivindo un gran crecemento turístico nos últimos anos que é previsible que continúe dun xeito moi importante ata o ano 2021. Por iso, desde o Concello consideran preciso desenvolver ferramentas que permitan ordear este crecemento, para evitar problemáticas como a masificación da catedral e das súas prazas, a excesiva estacionalidade ou peso exaxerado do excursionismo dunhas horas e pouco gasto fronte a turismo de calidade na cidade.

Un estudo encargado polo Concello á USC determinou que a implantación dunha taxa turística sería unha medida apropiada, sempre que se faga dunha maneira proporcionada

Co obxectivo de continuar impulsando un modelo de turismo sostible e ordenado, compatible cos usos locais da cidade, especialmente do casco histórico, dende o Concello solicitouse ao catedrático de Economía Aplicada e experto en fiscalidade da USC, Luis Caramés, que elaborase un estudo sobre a implantación da taxa turística en Santiago.

No estudo do profesor Caramés apúntase que a taxa turística municipal é algo habitual en Europa. Non só ten unha ampla penetración en Francia, onde xa leva implantada máis dun século, senón que ten unha presenza moi importante en países como Italia, onde máis de cen cidades contan cunha taxa turística propia, e Portugal, onde Lisboa, Cascais e Santa Cruz (Madeira), xa a aplican e Porto comezará no 2018.

Tamén se apuntan os casos de moitos dos destinos urbanos máis importantes do resto de Europa, que tamén contan cunha taxa turística, como Berlín, Bruxas, Bruxelas, Xenebra ou Amsterdam. A análise da experiencia de todas estas cidades demostra que non repercute negativamente sobre o volume de turistas.

Este traballo conclúe que a implantación dunha taxa turística en Santiago sería unha medida apropiada, sempre que se faga dunha maneira proporcionada, tendo en conta as diferentes temporadas e tipos de aloxamento, utilizando ademais tipos moderados. O proceso de introdución da taxa debería ir precedido dun diálogo co sector para amosarlles as razóns que motivarían a medida, explicándolles que o produto serviría para financiar capítulos vinculados co turismo, de tal xeito que o propio sector se vería directamente beneficiado.

SEIS DE CADA DEZ ENQUISADOS, A PROL DA TAXA

Agora, outro estudo realizado por investigadores de Galicia, Portugal e Brasil tenta aportar máis luz sobre a aplicación da taxa turística na capital galega, pulsando a opinión dos propios veciños. “A análise revelou a existencia de tres grupos: os escépticos deste imposto, os entusiastas sobre ese imposto e os reaccionarios a ese imposto”, resumen os autores do traballo.

O estudo baséase nas respostas de 588 veciños a unha enquisa realizada a través dun cuestionario elaborado polos autores, que partiron da idea de que “debido ao aumento exponencial do número de visitantes á cidade, a implantación dunha taxa turística podería ser unha das estratexias despregadas para mellorar a experiencia turística”, ademais de que “pode permitir unha interacción menos negativa entre residentes e turistas”.

Os autores consideran que os resultados do seu estudo “son consistentes coa natureza dun destino maduro, coa maioría dos enquisados ​​apoiando a implantación dunha taxa turística que poida contribuír a mellorar, entre outras cousas, a calidade do destino turístico tanto para os visitantes como para os residentes”, explican.

O 62,8% dos enquisados no novo estudo consideran que o imposto aos turistas sería positivo para a cidade, en xeral

“Un exame dos datos dispoñibles revela que, en xeral, os enquisados están de acordo coa implantación dunha taxa turística en Santiago de Compostela”, salientan os investigadores.

Así, para a afirmación “A implantación dunha taxa turística en Santiago melloraría o impacto económico do turismo na cidade”, observaron que o 63,4% dos enquisados expresou unha opinión positiva sobre a taxa turística. Na mesma liña, din, á pregunta de se sería positiva para a cidade, en xeral, o 62,8% respondeu que si.

“Este resultado lévanos a concluír que a vontade de implantar unha taxa turística debería ser discutida cos representantes das asociacións de veciños e con outros axentes, xa que aínda hai unha porcentaxe considerable de enquisados que non consideran positivamente a taxa turística”, expoñen. É dicir, catro de cada dez tería dúbidas sobre esa taxa.

Con todo, case a metade dos enquisados ​​(47,3%) manifestou unha percepción menos positiva respecto da afirmación “A implantación dunha taxa turística en Santiago favorecería a minimización da estacionalidade do turismo na cidade”.

Por outro lado, o 32,8% manifestou un total desacordo coa afirmación de que “A implantación dunha taxa turística en Santiago sería positiva para esa persoa”. “Seguramente, isto débese a que os composteláns pensan máis no ben colectivo e na cidade que en si mesmos”, opinan estes investigadores.

No estudo observouse que sobre a pregunta “Acostuma ter contacto cos turistas (no traballo ou no tempo de lecer)?”, os que teñen máis contacto co turismo están máis de acordo cos beneficios dunha taxa turística.

“Polo tanto, os resultados indicaron que os veciños que teñen contacto frecuente con turistas no traballo entenden que o turismo se beneficiaría da implantación dunha taxa turística”, aportan os autores do estudo.

E ao analizar o contacto cos turistas no lecer, identificouse “unha vertente que nos leva a confirmar que o entrevistado está de acordo coa proposta relativa á implantación dunha taxa turística en Santiago de Compostela, sendo así unha percepción xeneralizada”, explican.

Ao centrarse nas medias, o estudo sinal que os residentes que nunca teñen contacto cos turistas durante o tempo de lecer e os que teñen contacto con moita frecuencia teñen unha “percepción moi positiva” da aplicación do imposto.

Os resultados da enquisa tamén revelan que canto maior é o nivel educativo dos veciños, mellor aceptación ten a implantación dunha taxa turística na cidade. Mentres que os enquisados con menos ingresos son os que teñen unha percepción máis positiva sobre a afirmación de que a taxa turística "favorecería a minimización da estacionalidade do turismo na cidade".

Os veciños que viven nun barrio turístico ven máis positivamente os efectos dunha taxa turística, fronte ás persoas que viven fóra do casco urbano

En relación ao lugar de residencia, destacan que as persoas que viven nun barrio turístico ven máis positivamente os efectos dunha taxa turística. Pola contra, as persoas que viven fóra do casco urbano, nos arredores, son as que menos están de acordo con este imposto. Non obstante, segundo os resultados, “é certo que non atopamos diferenzas significativas para as afirmacións consideradas; así, examinando os datos, comprobamos que os veciños, independentemente do barrio onde viven, aceptaron a implantación dunha taxa turística en Santiago de Compostela”, clarifican os autores do traballo.

Por idades, atoparon unha diferenza significativa só na afirmación “A implantación dunha taxa turística en Santiago sería positiva para a cidade”, sendo os enquisados menores de 24 anos os veciños que menos están de acordo con esta afirmación.

E por xénero, as mulleres entrevistadas perciben un impacto menos positivo na implantación dunha taxa turística que os homes.

Con todo isto, describíronse tres grupos máis ou menos homoxéneos polo tipo de opinión que teñen sobre a taxa turística. Por un lado, os “escépticos”, é dicir, os individuos que, como describen os investigadores, “mostran unha posición moderada sobre os impactos positivos da implantación da taxa turística e non están de acordo en que este imposto sexa beneficioso para eles mesmos”; “para estas persoas, o ben individual prima sobre o ben común” e representan o 31% da mostra total da enquisa. Por outro lado, os “entusiastas”, o maior dos tres grupos, que supón o 40% da mostra, e que está composto polos “máis convencidos, persoas con opinións optimistas sobre os impactos positivos da implantación dunha taxa turística”. E por último, os “reaccionarios”, é dicir, “os individuos máis convencidos da falta de beneficios da implantación dun imposto sobre o turismo urbano”, e que compoñen o 28% dos enquisados ​​no estudo.

Os resultados deste estudo veñen de ser publicados na revista internacional Landa por investigadores das universidades da Coruña, Minho (Portugal), Estadual do Ceará en Fortaleza e Federal do Parnaiba Delta (Brasil).

IDENTIDADE LOCAL EN PERIGO POLO TURISMO MASIVO

Nunha liña paralela de investigación sobre o turismo en Santiago de Compostela, un estudo recente realizado por profesores do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela advertiu dos perigos que a masificación turística ten para a identidade dos barrios históricos da cidade.

En concreto, analizaron o caso do barrio de San Pedro, un dos máis emblemáticos de Santiago de Compostela, o cal está a perder a súa xenuína identidade. A causa? A xentrificación (desprazamento da poboación orixinal do lugar por outra de maior nivel adquisitivo) e o auxe dos pisos turísticos. Dous fenómenos complementarios que coa pandemia da covid-19 se frearon, pero que volverán rexurdir se non se lles poñen límites, como indican os autores deste estudo, María de los Ángeles Piñeiro Antelo, Lucrezia López e Miguel Pazos Otón.

“A xentrificación turística modificou nos últimos anos o aspecto exterior do barrio de San Pedro e agora está a ameazar tamén a súa identidade e a súa alma”

Os resultados foron publicados en 2020, no libro colectivo Hélices y anclas para el desarrollo local, editado pola Universidad de Cartagena e a Universidad de Huelva, antes de que a pandemia de covid-19 restrinxise o fluxo de turistas.

“A resultante xentrificación turística modificou nos últimos anos o aspecto exterior do barrio e agora está a ameazar tamén a súa identidade e a súa alma”, alertaron os profesores da USC, quen consideran que renovar un barrio coma este “ten o seu prezo e son os propios veciños quen o pagan”.

O problema, para os veciños, radica nun modelo pensado máis para os de fóra que para os de dentro. Como explican os autores do estudo, “converter este acceso nunha «autoestrada para peregrinos», como refiren desde o movemento veciñal, supoñerá a aceleración do proceso de transformación comercial e residencial, profundando na xentrificación e a turistificación, un proceso xa imparable na actualidade”.

A tendencia, segundo estes expertos, é á “concentración da vida de barrio ao longo de rúa de Concheiros, epicentro comercial do barrio, e da rúa de San Pedro, eixo vertebrador do Camiño”, é dicir, a actividade limitada a dúas vías e principalmente enfocadas ao turismo, o cal “revela que os espazos de vida diaria son reducidos”.

Un dos problemas derivados dese modelo é obvio: “Os veciños temen que se continúan as tendencias actuais, á xentrificación e transformación do comercio orientado ao turismo, é de esperar que os veciños atopen cada vez menos servizos e teñan que desprazarse a outros puntos da cidade para realizar as compras”. E isto, advirten, “a medio e longo prazo implicará a perda da función residencial tradicional e a progresiva transformación nun espazo turistificado”.

Mediante as entrevistas realizadas a veciños e colectivos do barrio, os profesores identifican un “malestar veciñal” que se traduce en rexeitamento á masificación do barrio, perda de servizos e comercios para os residentes e un acceso á vivenda cada vez máis problemático.

Os veciños, conclúen, "verbalizan un sentimento de «sentirse invadidos»”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A primeira que leva cobrando a taxa sen que repercuta en mellora algunha (agás para sí mesma) é a Fundación Catedral (20 € e 10€ para o Pórtico da Gloria) ? E como se pode ver a taxa parace ter un efecto reclamo e cada día teñen máis colas agardando a pagar ! Os procesos de xentrificación son froito do neoliberalismo reinante e de Fondos de Inversión que nada teñen que ver coa taxa turística... Asi o único que obterá o Concello de Santiago son máis cartos para dedicalos a promoción turística da cidade ! A carioca mórdese o rabo! O turismo de masas é e será sempre unha LACRA pero aos que non nos deixan outra que ser camareiros o resto da vida... teremos que vivir das esmolas-propinas ! Non soluciona nada de nada !