Extraños en Madrid

O Madrid da postmovida era aberto, acolledor e liberal. Chamarse Roser, Koldo ou Xoán era un plus para gañardes a curiosidade amábel da contorna. Cando no teléfono do pasillo dun colexio maior falabas en galego, euskera ou catalán coa túa familia ou con amigos da terra, os teus compañeiros da Castela ou Extremadura ollaban con complicidade e simpatía. Gostaban as letras en galego de Antón Reixa cos Resentidos e as de Serrat en catalán e o cinema e as equipas futbolísticas vascas. Políticos nacionalistas como Pujol, Roca, Garaikoetxea, Mariñas, Bandrés ou C.Nogueira eran respectados e escoitados.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 04/05/2014

Comparte esta noticia
Esta realidade mudou totalmente nestes 20 últimos anos. Falar galego polo móbil nun taxi ou nun bar madrileño é unha experiencia que se desenvolve moitas veces nun clima de silente extrañeza e hostilidade. Cos antigos compañeiros de carreira e amigos dalí xa non se pode falar de política nin de temas conexos. Todos profesionais ben formados, asumiron porén o discurso unánime dos seus “media” e acreditan que aquí non se pode estudar case en castelán, que o hino galego é inxurioso ou que falamos galego por amolar.
 
Que ocorreu para que unha cidade aparentemente aberta dese esta reviravolta? Desenvolveuse un proceso movido de enriba cara abaixo, dirixido polas elites españolas favorecidas polo capitalismo castizo do BOE  e desenvolvido polos seus voceiros mediáticos e políticos para concentrar en Madrid  o poder económico e político, converténdoa na  única capital financeira do Estado e do seu Ibex 35, dotándoa dun aeroporto que se pretendía única porta co exterior e dun AVE radial, que condenaba á secundarización dos eixos ferroviarios naturais atlántico, cantábrico e mediterráneo. Son estas elites as que definen os chamados intereses de España. Intereses nos que non entran nunca os intereses galegos na agrogandería, pesca, construción naval, sector enerxético ou novas tecnoloxías. 
 
Fronte este discurso dominante, o galego, catalán ou vasco que defende a súa identidade propia e os intereses económicos de cadanseu país percébese como un “Outro”. Son-somos- os “Extraños en Madrid” , dos que escrebiu Iñaki Anasagasti nun libro editado hai xa tres anos e que, porén,  mantén  grande actualidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.