Galicia pedirá esta semana reducir a 5 días a corentena de positivos, con test de autodiagnóstico negativo

García Comesaña espera que antes do día 15 deste mes se incorporen os médicos como técnicos de saúde a Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/02/2022 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou de que a Xunta de Galicia pedirá esta semana a Sanidade que se reduza de 7 a 5 días a corentena dos positivos por covid-19, sempre que se teña un test negativo, que valería de autodiagnóstico, para poder terminar a mesma.

En declaracións aos medios tras visitar as instalacións da Asociación de Dano Cerebral (Alento) en Vigo, García Comesaña explicou que a Xunta fixo a semana pasada unha proposta á Comisión de Saúde Pública con esta petición, que "confía" que se poida abordar na reunión desta semana. Segundo el, habería que establecer "as ferramentas que fosen necesarias", como a necesidade dunha proba PCR ou de antíxenos negativa. "O volume de casos que temos é suficiente para expor unha abordaxe diferente", reivindicou.

Preguntado sobre se unha proba de autodiagnóstico sería suficiente, o titular de Sanidade indicou que si, a pesar de que lembrou que estes test teñen unha fiabilidade moi alta cando dan positivo, pero non tan alta cando dan negativo. "Habería que analizar as condicións", engadiu.

Entre outros temas, Comesaña tamén celebrou o fin do uso das máscaras no exterior, quedando dúas excepcións, os eventos multitudinarios nos que se poida estar de pé e os eventos multitudinarios sentados onde non se poida respectar os 1,5 metros de distancia de seguridade.

INCORPORACIÓN DE MÉDICOS COMO TÉCNICOS DE SAÚDE

Por outra banda, Comesaña tamén falou da incorporación de médicos como técnicos de saúde nos centros de atención primaria para abordar a "sobredemanda" que rexistran neste ámbito.

Segundo as previsións de Sanidade, barállase que antes do 15 de febreiro xa poidan estar incorporados. Na actualidade están a procesarse as solicitudes, xa que o prazo para presentar as candidaturas xa pechou.

"Estes médicos incorporaríanse facendo funcións similares ás que realizan os 86 xubilados que temos agora para botar unha man aos médicos de primaria sobre todo nos trámites administrativos, que son sanitarios pero relacionados sobre todo coas baixas, as peticións de probas ou o seguimento dos casos nos domicilios", explicou.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña.. PEDRO DAVILA- EUROPA PRESS
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña.. PEDRO DAVILA- EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta