Seca en inverno, un novo contratempo para a agricultura e gandaría galega

A Xunta convocou este pasado día 8 de febreiro á Oficina da Seca ante a falta de pluviosidade que afecta a Galicia desde comezos de xaneiro de 2022. Os temores dos gandeiros e agricultores está na incidencia negativa das xeadas sobre cultivos e pastos. Se a situación se agrava, os cutos de produción serán xa moi superiores ao que están sendo nestes momentos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O tempo seco é habitual nestes meses, din algúns agricultores, mais non na desproporción de días sen auga fronte aos días que chove deste comezo de ano. Vivindo o segundo xaneiro máis seco dos últimos cen anos, as xa de por si tocadas contas de gandeiros e agricultores poden estar ás portas dunha seca que lles imprima maior gasto. Todo debido á enorme diferenza entre os prezos que cobran polos seus produtos e os prezos que pagan por electricidade, fertilizantes, combustible e outros elementos necesarios para o seu labor. De momento, toca esperar, as últimas prediccións apuntarían a unha lixeira mellora en canto número de precipitacións. Non obstante, cal é até o de agora a situación?

Comparativa precipitacións período 1981-2010/2022/ Consellería Infraestruturas
Comparativa precipitacións período 1981-2010/2022/ Consellería Infraestruturas

PRIMAVERA ADIANTADA

Toca época de xeadas, mais non é normal esta falta de auga que inflúe moito no pasto” sinala Xulio Fernández, produtor de vacún. A falta de precipitacións reduce a superficie de pasto para o gando, sobre todo en áreas de Ourense e do sur de Lugo, onde non hai tanto terreo para pastos. “Pola contra en zonas de costa non hai un problema maior”. Amador Díaz, produtor de pataca na Limia remarca que “o problema son as xeadas pois, por exemplo, o trigo de inverno sofre tanto coa seca como coa conxelación”. Outros produtos como a colza, van perdendo volume pois o frío e logo o sol secan as follas da planta deixando máis perdas que beneficios.

A produción de viño, por exemplo, está en parada biolóxica dada a estación do ano. O aumento de luz solar aceleraría unha floración que, de poñerse a chover, arruinaría a produción. “Isto traería que en primavera non haxa brotación” do Bernardo Estévez, produtor de viño. “A aceleración ou a anticipación da primavera pode facer xermolar as plantas, mais chega a noite e coa xeada esa nova planta quéimase” di Manuel Dopazo, agricultor.

A Consellería de Medio Rural  preguntada sobre se xa se produciron alertas ou avisos por parte de gandeiros e agricultores ante a falta de choiva, responde que "polo de agora non se nos comunicaron incidencias ao respecto, nin a título particular nin a través das diferentes oficinas agrarias comarcais". En todo caso, por parte da Consellería do Medio Rural "mantemos unha interlocución constante co sector e estamos sempre dispostos a atender as súas inquedanzas".

Avaliación de precipitacións en xaneiro de 2022
Avaliación de precipitacións en xaneiro de 2022 | Fonte: Consellería de Infraestruturas

CUSTOS

“Se plantas agora será un gasto engadido pois terías que comezar a regar porque no caso das viñas non están en áreas húmidas” sinala Bernardo Estévez. “O frío non é tan malo para a calidade do terreo pois axuda a eliminar insectos prexudiciais” di Amador Díaz. “Hai un problema, a baixa no nivel freático dos acuíferos que non permitirá regar con normalidade” di Díaz.

“De momento non hai restricións de auga aínda que non podemos descartalas” apunta Xulio Fernández. “Se dependes de traída, a maquinaria para a absorción de auga consome enerxía, ben electricidade ou combustible”, ambos elementos actualmente cos prezos descontrolados. Os cultivos con maiores problemas serían os que están ao aire libre, “os de invernadoiro poden soportar mellor a xeada, aínda así habería que subministrarlles auga mediante sistemas de irrigación que precisan da electricidade” sinala Manuel Dopazo. Estes custes engadidos poden supoñer entre un 20 ou 30% de perdas polo aumento de custos.

Outro feito destacable é o aumento nos fertilizantes artificiais, sobre todo os destinados para cereais como trigo de inverno. Este cultivo é máis de superficie e de aí que non se usen abonos naturais para a fertilización do terreo. “Os prezos dos abonos artificiais soben porque o 70% da súa composición é gas”, di Dopazo.

A este punto súmaselle o almacenamento dos produtos, parte esencial para a súa conservación e manter a calidade de cara ao mercado. Os sistemas de refrixerado ou calefactores maioritariamente están alimentados por electricidade. A consecuencia é inmediata, dispárase a suma da factura eléctrida para o agricultor ou gandeiro, con prezos de 500€ por mes en electricidade.

Medio Rural estima que o aumento nos prezos en insumos e por tanto, dos custos de produción, non parece que teña "unha relación directa de causa-efecto entre ese incremento e a falla de choivas das últimas semanas".

Haberá que ver como evoluciona a situación e avaliar a posible incidencia da falta de choivas no agro. O departamento de José González insiste "na importancia de asegurar os cultivos fronte este tipo de incidencias". Por outra parte, a Xunta "aposta por fomentar os seguros con axudas que na convocatoria de 2021 contaron cun orzamento de 6 millóns de euros, cantidade un 20% superior á destinada no ano 2020". Por último, salientan que neste 2022 o Goberno galego incrementou en case "un 17%, a dotación destas achegas, ata chegar aos sete millóns de euros". A convocatoria destas axudas saíu publicada no DOG o pasado día 13 de xaneiro.

Se ben parte da área hidrográfica Galicia-Costa non está tendo aínda moitos problemas, as áreas máis interiores como Ourense e sur de Lugo sufrirían baixada no rendemento gandeiro ante a escaseza de pasto. Por outra parte, os cultivos tamén poden sufrir perdas por culpa dunha climatoloxía adversa en canto escaseza de precipitacións, pois os prezos de venda non serán suficientes para cubrir gastos. A única solución é que chova.

Tractores, máquinas, agricultura, maquinaria agraria, horta, labrar, campo
Tractores, máquinas, agricultura, maquinaria agraria, horta, labrar, campo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta