Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/02/2022 | Actualizada ás 09:30
Este curso académico está a ser o viséximo na historia da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. Por iso, o centro está a pór en marcha unha serie de iniciativas que sirvan, entre outras cousas, para "conmemorar esta efeméride, facer lembranza e balanzo destes 20 anos de existencia, cohesionar a comunidade de aprendizaxe e celebrar colectivamente o aniversario."
A primeira iniciativa, xa iniciada, é unha campaña en redes sociais formada por series de efemérides, publicacións monográficas sobre os idiomas impartidos no centro e entrevistas en vídeo a varios dos protagonistas destes 20 anos de existencia. A segunda das iniciativas, aínda por iniciar será a colocación e inauguración dunha exposición no recinto da escola en Vite. Serán 20 paneis ilustrados que recollan os principais acontecementos da historia do centro a razón dun ano por panel. A súa inauguración está prevista para mediados do mes de febreiro e os paneis poderán ser consultados nas redes sociais da EOI.
Por último, o centro organizará un acto conmemorativo en data aínda por concretar. Nel haberá intervencións de alumnos, de persoal do centro e de autoridades, acompañadas de intervencións musicais e dun audiovisual onde se recollerá un breve resumo destes 20 anos.
EOI DE SANTIAGO
Segundo indican dende a EOI de Santiago, aínda que a pandemia fixo menguar as cifras de estudantes no presente ano lectivo (actualmente son 3.762 alumnos matriculados), nos últimos cursos o número de persoas aprendendo idiomas na EOI de Santiago achegábase a 5.000. Son sete as linguas que se ensinan de xeito regular (galego, español para estranxeiros, portugués, inglés, francés, alemán e italiano) e o persoal do centro está composto por 60 docentes e 10 membros do persoal de administración e servizos.
Ademáis do centro situado no barrio compostelán de Vite, a EOI de Santiago ten cinco extensións, unha delas na mesma capital (no barrio de Sar) eo resto distribuídas por comarcas próximas ou achegadas á de Santiago. Esas seccións están en Negreira, Ordes, Noia e Ribeira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.