Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2022 | Actualizada ás 16:14
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo un plan de dinamización económica para a comarca da Terra de Celanova-Baixa Limia durante unha visita realizada na mañá deste xoves a Celanova e Verea para coñecer de primeira man as necesidades destes concellos e os arredores.
Pontón destacou o "enorme potencial" da comarca, pero advertiu de que está a quedar "atrás como consecuencia do desastre que deixan as políticas do PP", que "frean a puxanza" de sectores como o agrogandeiro, ou o turístico, coa posta en valor do patrimonio monumental da zona.
"A realidade é que a comarca e un concello como Celanova que debe de ser referente, foron cara atrás", lamentou, antes de incidir que o BNG ten "claro que hai que potenciar Celanova e o conxunto da comarca, apostando polo desenvolvemento sustentable que permita xerar riqueza, emprego, dinamismo económico e social, e poña freo a problemas tan graves como o despoboamento no social e os incendios no ambiental". Así, sinalou que é necesario un plan de dinamización económica da comarca Celanova-Baixa Limia, para reverter o "declive" e "darlle futuro".
MEDIDAS CONCRETAS
Pontón sinalou que este plan ten que contar con "medidas concretas", como apostar polo desenvolvemento do medio rural; medidas que faciliten a creación de pequenas empresas; dotar das novas tecnoloxías a toda a comarca como factor básico da competitividade; crear un centro de transformación de produtos agrarios para xerar valor engadido e apostar pola produción quilómetro cero, tomando como base os mercados tradicionais, como o que se celebra cada xoves na propia praza de Celanova.
Ademais, tamén inclúe a recuperación e posta en valor do patrimonio monumental e cultural, especialmente importante para Celanova, que conta con nove bens declarados BIC.
"A rehabilitación deste patrimonio permitiría xerar emprego durante o propio proceso de rehabilitación dos bens artísticos e culturais e pasaría a ser un atractivo para visitar a vila e comarca", apuntou Pontón, quen se reuniu co comité local e comarcal, do que forman parte o portavoz municipal en Celanova, Leopoldo Rodríguez, e o rexedor de Verea, José Antonio Pérez, entre outros.
A líder nacionalista tamén apelou a un "desenvolvemento sustentable", fronte ao "boom eólico depredador" que, lamentou, "puxo en marcha o PP".
"O vento é unha riqueza do país, por iso os proxectos eólicos deben facerse con criterios de sustentabilidade ambiental, social e garantindo un retorno económico", abundou Pontón, á vez que pediu unha ampliación da rede natura.
En relación ao debate sobre a peonalización de Celanova, a portavoz nacional do BNG explicou que o modelo da súa formación está "baseado na recuperación do espazo público para as persoas, pero tendo en conta que para que funcionen hai que facelos ben, desde o rigor e o diálogo". Así, puxo como exemplo o modelo de Allariz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.