Piden 7 anos de cárcere para o exalcalde popular de Campo Lameiro por unha obra "irregular"

Julio Sayáns, que foi rexedor do municipio pontevedrés durante case 40 anos, está acusado de ordenar construír unha depuradora sobre terreos privados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2022 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O exalcalde do PP do municipio pontevedrés Campo Lameiro, Julio Sayáns, enfróntase a sete anos e tres meses de cárcere por delitos de falsidade de documento público e contra a disciplina urbanística en relación coas obras dunha depuradora, cuxa localización terminou afectando a terreos privados dunha sociedade e a un espazo público destinado a zona verde.

Na causa, por uns feitos que sucederon entre 2013 e 2015, tamén están acusados un enxeñeiro que se encargou do proxecto --para o que se piden catro anos e medio de prisión-- e a secretaria municipal --petición de dous anos e medio de cárcere--. Ademais, o fiscal demanda a demolición das obras e a reposición ao seu estado orixinario, así como inhabilitación e o pago dunha multa para os acusados.

Segundo o escrito de acusación, en 2013 ante a necesidade de modificar ou substituír a estación depuradora existente no polígono industrial de Facha de Campo, Sayáns --que foi alcalde deste municipio entre 1983 e 2019-- encomendou a realización do proxecto a un enxeñeiro, tamén acusado o procedemento, quen elaborou a través da súa empresa un anteproxecto en febreiro de 2014.

O pleno do Concello aprobou o anteproxecto e encomendou ao enxeñeiro acusado a realización da obra da mellora da depuradora. O 14 de xullo de 2014, o rexedor ordenou á secretaria municipal --terceira persoa investigada na causa-- que efectuase un informe sobre o procedemento a seguir.

Ese mesmo 14 de xullo, a secretaria emitiu o certificado sobre a existencia de crédito e un estudo achega do procedemento de contratación que se debía seguir. Segundo o fiscal, a investigada "non fixo referencia no seu informe á necesidade da elaboración dun prego de prescricións técnicas por un funcionario municipal nin tampouco manifestou que era en todo caso necesario encomendar a un técnico externo a confección do prego de cláusulas técnicas da obra de non contar con persoal municipal que puidese efectuar esta tarefa".

CAMBIO DE LOCALIZACIÓN

Así, deron comezo as obras en outubro de 2014, a pesar de que non constaba o prego de condicións técnicas no proxecto, sen que a secretaria fixese reparos á legalidade en xunta de goberno local, o que a acusación considera "un absoluto desprezo polas normas administrativas que regulan a contratación de obras públicas e con pleno coñecemento" da vulneración de normas básicas.

Ademais, houbo un cambio na localización final polo cal a depuradora quedou instalada sobre dúas parcelas, unha das cales era propiedade dunha sociedade privada --e non terreos propiedade do Concello de Campo Lameiro--, mentres na outra "estaba prohibida a instalación de construcións industriais ou fabrís tales como unha estación depuradora", dado que era unha zona pública destinada a zonas verdes.

O exalcalde popular de Campo Lameiro, Julio Sayáns, nunha reunión con representantes da Xunta, en imaxe de arquivo
O exalcalde popular de Campo Lameiro, Julio Sayáns, nunha reunión con representantes da Xunta, en imaxe de arquivo | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta