Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2022 | Actualizada ás 21:28
O Goberno galego deu o visto e prace ao acordo polo que encarga á empresa pública Seaga a execución dos traballos de retirada e destrución de niños incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte á velutina, acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), á que se sumaron xa case o 98% dos concellos galegos.
As actuacións obxecto de encarga para vixilancia e control da velutina consisten esencialmente na eliminación e retirada de niños por parte da Xunta en colaboración cos concellos adheridos a esta iniciativa.
Os termos esenciais do encargo comprenden a retirada e eliminación nun prazo máximo de 5 días hábiles desde que os cidadáns avisen mediante chamada ao 012. No ano 2021 estiveron adheridos ao programa 300 concellos galegos, máis do 96 % dos municipios galegos.
No devandito exercicio, o operativo de Seaga responsable do encargo retirou case 18.000 niños (17.857) entre eliminados e neutralizados: 6.417 na provincia da Coruña, 2.166 na de Lugo, 1.699 en Ourense e 7.575 na de Pontevedra.
OUTROS ACORDOS
O Executivo autonómico adoptou outras decisións este xoves, como mellorar as capacidades dixitais e para o emprendimiento de máis de 10.000 mulleres no rural para incremetnar as súas oportunidades laborais a través dun novo programa e cun investimento inicial de 5,2 millóns de euros.
Tamén analizou o informe da Consellería do Medio Rural sobre o impacto das axudas Leader, que xestiona a Xunta a través dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) galegos, no ano 2021. Así, ao longo do pasado exercicio, creáronse en Galicia case 205 novos empregos e consolidáronse 677 mediante esta liña de axudas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.