Un de cada cinco empregos do sector cultural galego está en Santiago

Un de cada cinco empregos do sector cultural galego atópase en Santiago de Compostela, segundo as conclusións do Consello Económico e Social.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/02/2022 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

Un de cada cinco empregos do sector cultural galego atópase en Santiago de Compostela, segundo as conclusións do Consello Económico e Social. O alcalde da capital, Xosé Sánchez Bugallo, foi o encargado de presentar este venres as conclusións dos grupos de traballo deste Consello e o documento de 'Actualización da análise da evolución da situación socioeconómica de Santiago de Compostela', así como o da 'Análise e diagnóstico da Axenda Urbana de Santiago'.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello de Santiago.

Sobre a análise da evolución socioeconómica da cidade, o rexedor destacou os datos relativos ao emprego cultural, que revelan que 1 de cada 5 empregos do ámbito da cultura en Galicia están en Santiago. Así mesmo, o estudo sitúa Santiago como o concello que máis gasto destina por habitante e ano do seu orzamento municipal a actividades e fomento cultural. "Máis de 100 euros por habitante e ano, en concreto 105,7", sinalou Bugallo.

AXENDA URBANA

O órgano municipal explicou que o pasado luns se entregou ás persoas integrantes do Consello Económico e Social o documento base de "Análise e diagnose da Axenda Urbana de Santiago", que compila a información precisa para iniciar o proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e que contribuirá á implantación da Axenda Urbana Española.

Sobre este documento, o alcalde sinalou que "evidencia" o compromiso da institución "tanto coa propia Axenda Urbana Española, como coa Axenda urbana Europea e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030".

Por cada un dos obxectivos estratéxicos destas Axendas o Concello estableceu un ámbito de análise e diagnóstico, que permita evidenciar os principais retos e desafíos aos que se enfrontan e a partir dos que se deseñará a estratexia municipal, a súa visión, obxectivos estratéxicos, específicos e liñas de acción en consonancia coa Axenda Urbana Española.

A alcaldía asegurou que comeza agora, no marco deste proxecto, a fase de elaboración do Plan Estratéxico de Acción Local (PEAL) na que contarán coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela que asumirá a dirección executiva desta fase do proceso a través da profesora e doutora en Economía, María Cadaval, que traballará co catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta