Por Galicia Confidencial | Boiro | 19/02/2022 | Actualizada ás 19:55
Centos de persoas --milleiros segundo Comisións Obreiras-- manifestáronse este sábado en defensa dun convenio digno e con salarios xustos para o sector da conserva de peixe. A traballadoras e traballadores tomaron as rúas de Boiro, localidade do Barbanza onde se sitúan algunhas das principais empresas desta rama de actividade nunha protesta convocada por CC.OO.
Os manifestantes deixaron clara a súa desconformidade co acordo previo asinado por UGT e CIG coa patronal. De feito, non faltaron pancartas e carteis coa mensaxe «véndese», en referencia ás organizacións que o asinaron.
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia implicouse de cheo neste conflito nas últimas semanas, pero tamén na manifestación deste sábado. En Boiro estiveron a secretaria xeral, Amelia Pérez, e varios membros da Comisión Executiva Nacional do sindicato: Leila Piñeiro, Antonio Millares, Francisco Méndez e Juan Carlos López Corbacho.
O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, censurou a actitude de UGT e CIG asinando un acordo «insuficiente» cunha patronal «caciquil». O documento non resolve as principais reivindicacións, como a fenda salarial entre mulleres e homes ou os baixos salarios en xeral —os menores de toda a industria agroalimentaria.
Ledo tamén lles reprochou que pactasen coa patronal o cuarto turno de traballo, «que será maioritariamente cuberto por mulleres e mozas precarias, o que afondará na fenda salarial de xénero», apuntou o sindicalista nun comunicado. Por último, o secretario xeral de CCOO-Industria instou a UGT e CIG a someteren este acordo a referendo «de todos os traballadores e traballadoras, non só a unha parte», de maneira que todo o sector «poida deixar clara a súa postura»
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.