Rebenta unha comporta do encoro de Vilamartín de Valdeorras, xestionado por Iberdrola

A rotura non provocou danos materiais nin persoais pero si un aumento do caudal do río Sil augas abaixo.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 23/02/2022 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

O encoro de Santiago-Sil, no municipio ourensán de Vilamartín de Valdeorras, sufriu unha rotura, pero non causou danos persoais nin materiais, informou o 112 Galicia, que matiza que esta incidencia se salda "sen consecuencias para a poboación" ata a data. Por parte do 112 Galicia enviouse información e contactouse cos alcaldes e alcaldesa dos concellos situados río abaixo --Vilamartín, A Rúa e Petín-- para activar medidas de control e prevención.

Sobre as 22,00 horas deste martes a empresa xestora do encoro de Santiago-Sil, Iberdrola, avisou, a través do 112 Galicia, da rotura dunha comporta co consecuente aumento do caudal do Río Sil augas abaixo, apuntan as mesmas fontes.

Tras iso, por parte do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, enviouse información e os técnicos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior contactaron directamente cos alcaldes e alcadesa dos municipios de Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Petín para activar as necesarias medidas de control e prevención. Así, voluntarios das agrupacións de Protección Civil dos concellos implicados revisaron as marxes do río e descartaron calquera tipo de incidencia.

No entanto, cara á unha da madrugada, engaden as mesmas fontes, "detectouse un considerable aumento do caudal do río na zona do paseo de Petín, aínda que sen ningunha consecuencia nin para as persoas nin para os bens". De feito, pouco despois, "o nivel da auga recuperou os valores normais", destaca o 112.

Pola súa banda, o persoal da empresa tamén realizou as correspondentes inspeccións e comprobou "o bo estado dos núcleos da poboación situados na área de influencia" do encoro Santiago-Sil, aínda que indicaron que "seguirían vixiantes ante calquera anomalía que se puidese producir".

SEN PERIGO

Respecto diso, o Concello da Rúa, a través das súas redes sociais, informou "para tranquilidade da cidadanía", que a rotura na comporta da presa, situada en Valencia do Sil, "non ocasionou ningún dano nin entraña algún tipo de perigo", engade.

Neste sentido, sinalou o Consistorio que "a canle do río é capaz de asumir sen problema a auga que despexa este incidente". "Revisadas as zonas de menor cota, compróbase que non resultaron alagadas e a auga discorre con normalidade, supondo simplemente un incremento do caudal", conclúe.

Encoro en Vilamartín de Valdeorras xestionado por Iberdrola.
Encoro en Vilamartín de Valdeorras xestionado por Iberdrola. | Fonte: Iagua.es

"PREOCUPA QUE VOLVA A REPETIR"

"Non nos preocupa o que pasou, preocúpanos que se volva a repetir", sinala o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez que apunta que o mantemento da presa "é constante" e que desde a empresa concesionaria, Iberdrola, trasladaron que o incidente se debeu ao fallo da comporta.

Un fallo polo que o rexedor espera os informes técnicos porque manifesta a súa inquietude sobre o feito de que "rebentase sen máis, co encoro no seu nivel normal, sen que houbese un aumento da presión". É por iso que considera necesario que "se revisen todas as presas do río Sil", porque advirte que o incidente "nunha de maior tamaño podería ser un perigo".

Ademais o alcalde lamenta que non lle consta ningún protocolo sobre "que medidas asumir en caso de rebentón". Así, indicou que "é necesario ter algo para poder avisar á poboación, unha especie de megafonía para calquera tipo de emerxencias", porque explica que se rebenta outra presa río arriba "non se van a escoitar as sirenas" e pregúntase como se avisaría aos veciños.

Con todo, a mensaxe é de tranquilidade, Iberdrola colocou un peche provisional mentres se prepara o reposto definitivo e, ademais, o propio rexedor municipal indica que Santiago-Sil é unha "presa relativamente pequena polo que a canle do propio río foi capaz de asumir a auga".

O rexedor da Rúa, Álvaro Fernández, conta que a comporta "saíu despedida" máis de 2 quilómetros río abaixo, "chegando case á cola do encoro" e provocando un estrondo que "asustou ao veciños" pero sen ningunha outra incidencia.

"O seguinte encoro, o de San Martiño, recolleu sen danos o volume", subliña Fernández para quen non existe motivo de inquietude, porque "estas presas teñen uns controis moi rigorosos e moi regulares" e ademais incide en que a presa de Valencia do Sil "é un salto moi pequeno", de feito explica que "a canle non chegou a desbordar en ningún momento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta