Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 14:32
Traballadores de Xeal --antiga Ferroatlántica-- concentráronse este mércores ás portas da sede da Xunta en Santiago para demandar ao Goberno autonómico que reverta a titularidade da factoría, situada en Cee, ante os "incumprimentos" das concesións públicas e as sentenzas na súa contra.
Decenas de empregados da fábrica da Costa da Morte desprazáronse á capital galega para mobilizarse ante o Edificio Administrativo de San Caetano, onde mostraron o seu descontento co rumbo da compañía desde que a mediados de 2019 cambiou a titularidade da ata entón coñecida como fábrica de Ferroaltántica.
Desde entón, segundo explicou en declaracións aos medios o portavoz do comité de empresa, Alfonso Mouzo; a produción industrial da factoría de Cee-Dumbría "foi a menos" e a empresa "dedícase á produción de enerxía eléctrica sen respectar as condicións da concesión" pola que pode explotar as estacións hidroeléctricas do río Xallas. Ademais, denuncian que tampouco cumpren a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que impide á compañía segregar a produción de ferroaleacións da de enerxía e que fixa "que hai que manter o emprego" na factoría de Cee-Dumbría.
Así mesmo, os traballadores tamén denunciaron que a empresa mantén como responsable de seguridade na planta a unha persoa que foi condenada en primeira instancia por acoso sexual a unha empregada de Cee-Dumbría. Esta persoa, relatou Mouzo, "segue traballando sen problema ningún" na factoría e a dirección non lle abriu expediente por este caso, como si ocorreu cun "compañeiro do comité que foi declarar" ao xuízo "e foi despedido". "É o mundo ao revés", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.