Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2022 | Actualizada ás 11:00
Xornada a xornada, séguense sucedendo casos de violencia machista dentro de parellas de curta idade. As portadas dos xornais evidencian que o machismo non é unha cuestión de idade, e que tamén entre os máis novos se dan comportamentos propios doutra sociedade e outra era. Para tentar rematar con estas tendencias nocivas, as editorais de Galicia e o resto do Estado seguen a impulsar materiais literarios e didácticos cos que corrixir as eivas machistas dunha forma amena e aberta.
Tal é o caso do Manual para súper feministas, unha banda deseñada da ilustradora francesa Mirion Malle que vén de publicar SM. Dende a editorial destaca o papel divulgativo desta peza, gabando as súas viñetas "desenfadadas, coloridas e frescas" nas que se explica aos mozos lectores conceptos chaves do feminismo e de cara á construción dunha sociedade máis igualitaria.
"Malle descobre, nas súas tiras cómicas, aspectos que afectan as mozas no seu día a día e pasan desapercibidos, como a pobre representación das mulleres no cinema e a televisión, e o enganoso ideal de beleza feminina. Tamén fala de amizade e de sororidade, de linguaxe inclusiva, das relacións amorosas e da importancia do consentimento, do xénero e de termos como intersexualidade, identidade de xénero e orientación sexual, entre outros. E dos privilexios, ao non esquecerse doutros colectivos que sofren discriminación pola súa cor de pel, o seu lugar de orixe ou a súa situación social".
A publicación da obra coincide co inicio da campaña "Orgullosa de mí", coa que a editorial nomeada pretende fomentar a igualdade a través da lectura. Por iso lanza títulos que "abren a ollada" para detectar e dar visibilidade ás discriminacións cotiás, pequenas e grandes. Unha mirada desde a sensibilidade, a tolerancia, a inclusión e o valor da diferenza.
"Cremos que a educación é a verdadeira caixa de ferramentas para cambiar as cousas. Por iso, en SM poñemos especial coidado nas nosas publicacións no uso da linguaxe e nos nosos personaxes. Apostamos por historias onde non hai diferenzas entre 'cousas de mozos' e 'cousas de mozas', xa que desde fai máis de oitenta anos traballamos en educar nos valores de igualdade", apuntan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.