O drama da aporofobia bancaria... cando os bancos non te atenden por non ser “solvente”

As entidades bancarias están aplicando criterios moi rigorosos sobre persoas cuns ingresos mínimos. Persoas con prestacións sociais poden ver rebaixados os seus escasos emolumentos debido ás elevadas comisións bancarias. E isto a pesar de que os bancos teñen obriga de abriren contas de pago básicas de cara a “inclusión bancaria”.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 06/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A aporofobia bancaria é un fenómeno excluínte que afecta ás persoas con escasos recursos económicos cando as entidades bancarias non lles deixan abrir unha conta nas súas oficinias. É un odio ao pobre materializado mediante o impedimento ás persoas “pobres” de seren “clientes” dun banco. O motivo detrás disto está na pouca ou nula rendibilidade que se lle podería tirar a eses ingresos, sobre todo se son por debaixo de 600€. Os resultados dunha conta así a final de ano non son relevantes ou non cumpren expectativas marcadas pola institución bancaria. Onde está o problema? En que se alguén necesita unha conta onde ingresar por exemplo, a RISGA, haberá bancos que lle poñerán obstáculos até que a persoa desista e busque outro lugar.

aporofobia bancaria
aporofobia bancaria | Fonte: EAPN España

TI NON, ES POBRE

As persoas máis afectadas son aquelas “non rendibles”, como migrantes ou persoas que cobran axudas ou prestacións mínimas” sinalan de EAPN Galicia. Abrir unha conta por debaixo dos 600€ mensuais é unha tarefa difícil ante un sistema bancario cada vez máis esixente, con comisións elevadas segundo o mantemento da conta bancaria e o beneficio que deixa esa conta a fin de ano.

Esta “violencia administrativa” por falta dunha determinada solvencia veu no mesmo paquete de dificultades que a banca está poñendo a algúns sectores sociais. Se por unha banda as persoas maiores demandaban atención en persoa sen límites horarios, por outra estaba a eliminación de caixeiros automáticos, no medio delas viña tamén esta “violencia” contra quen non ten uns ingresos ideais para abrir unha conta.

Este último colectivo enfrontábase a unha “individualización de cada caso cando querían presentar unha reclamación” apuntan en EAPN, “sobre todo cando lles están cobrando comisións elevadas ou mesmo cando son contas que non deberan pagar comisión”. A individualización busca crear medo na persoa para que non reaccione, sobre todo cando non é coñecedora dos seus dereitos e das obrigas do banco.

Banco de España
Banco de España

DEREITOS E SOLUCIÓNS

O estado non ten unha banca pública que poida atender as demandas das persoas con menos ingresos. Isto debe ser atendido, obrigatoriamente pola banca privada. “Os bancos teñen obriga de abrir contas básicas de pago, contas sen comisións para persoas de escasos recursos” sinala EAPN. Estas contas forman parte do obxectivo da UE de alimentar a denominada “inclusión bancaria”.   Por outra parte, este tipo de contas no caso de seren depósitos para rendas mínimas para persoas pobres non poden ser embargadas.

A individualización dos casos pode combaterse coa unión en colectivos de afectados ou indo co apoio de autoridades sociais. “Cando unha porcentaxe elevada de persoas deciden protestar ou cando unha persoa vai acompañada por un ou unha traballadora social, é cando o banco actúa”, pois como sinalan de EAPN está en xogo o prestixio da organización, “existe un risco reputacional para esa entidade”.

O estudo Inclusión financiera para el desarrollo sostenible, un enfoque de derechos en el proceso de reconstrucción post pandemia, seguiu 340 casos en todo o Estado dos que algo máis de 170 eran galegos.  O documento recolle as principais causas de dificultades financeiras nos fogares dentro do contexto de crise social e económica derivada da pandemia. Entre as dificultades analizadas estaba o acceso á banca e aos servizos bancarios.

Dentro do mesmo informe recóllense as peticións para frear as actuacións “abusivas” da banca cara persoas vulnerables. Desde o Ministerio de Economía con competencias sobre asuntos bancarios, as CCAA para que apliquen recursos contra a exclusión financeira e a creación de microcréditos para persoas en intinerarios de inserción laboral, entre outras moitas peticións.

En relación a isto último, desde a Xunta de Galicia en resposta ás preguntas de Galicia Confidencial, sinalan que a finais de 2021 se asinou a nova Axenda Social Única de Galicia 2024 coa FEGAMP e as entidades sociais galegas, “unha folla de ruta das actuacións que se impulsarán nos vindeiros anos Galicia en materia social”. Entre as medidas propostas están a posta en marcha dunha Campaña de divulgación sobre servizos financeiros e para dar a coñecer e facilitar o acceso á conta bancaria básica.

Os obxectivos desta campaña son dous. O primeiro, “formar aos profesionais de servizos sociais para que dean información, formación e asesoramento ás familias en situación de vulnerabilidade coas que traballan”. E o segundo, “reforzar o acceso das persoas con escasos recursos a unha conta bancaria básica, sen obrigas de pago asociada por comisións, e a determinados produtos financeiros”.

Todo isto, logo de colaborar, o pasado 9 de , a Consellería de Política Social na celebración da Xornada de loita contra a discriminación e a aporofobia: "Inclusión financeira: enfoque de dereitos ou aporofobia bancaria?”, organizada por EAPN-ES.

A banca tomou moitas decisións de maneira unilateral que prexudicaron a colectivos sociais vulnerables. A banca privada non atende as obrigas que ten coas persoas máis vulnerables, sendo esta mesma banca privada quen logo pon atrancos á creación dunha banca pública que atenda situacións como a tratada nesta reportaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O cinismo do Banco de España ao determinar unha comisión de 3 euros mensuales para unha conta básica é de miserables ! Pero xa que falamos de aporofobia cómpre lembrar ao campeón da aporofobia que ten o récord de Acampada contra a Pobreza en Vigo, foron 3 anos e 3 meses ininterrumpidos ate que chegou a Pandemia e a Policía Local desaloxou a Praza do Rei baixo a normativa "inconstitucional" do Estado de Alarma ! Se non seguramente aínda estarían acampados na praza sen ser recibidos polo alcalde (que só recibe xentes de posibles!) // http://gamela00.blogspot.com/2018/0...