Volven as rutas guiadas e gratuítas ás Illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada

A Xunta lanza unha nova edición do programa 'Descubrindo o Parque Nacional' a través de catro itinerarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2022 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

A Xunta organizou unha nova edición do programa de rutas guiadas 'Descubrindo o Parque Nacional', co que convida a "máis dun centenar de participantes" a coñecer os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada fóra da tempada estival, en seis datas dos meses de marzo e abril.

Nunha nota de prensa, a Xunta destacou que o obxectivo é "achegar aos galegos o rico e variado patrimonio natural, histórico e cultural que esconde o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, o único declarado en Galicia".

Así, a través de catro itinerarios, os visitantes poderán coñecer o carácter "histórico e botánico de Cortegada, as esculturas e lendas das rocas de Sálvora, a toponimia de Ons ou facer unha viaxe no tempo para coñecer a orixe das Cíes".

As rutas desenvolveranse en grupos reducidos cun guía gratuíto. O solicitante poderá inscribir ata tres acompañantes e o transporte ás illas farase a través das distintas embarcacións que se ofrecen, en función da illa a visitar, e o seu prezo "será sufragado polos participantes".

Aqueles que desexen participar no programa 'Descubrindo o Parque Nacional' deberán reservar a praza no apartado das 'Illas Atlánticas' da central en liña do Organismo Autónomo de Parques Nacionais ou, directamente, nas oficinas do Parque Nacional galego, no edificio Cambón de Vigo (rúa Oliva, 3).

Participantes do programa 'Descubrindo o Parque Nacional' da Xunta de Galicia. XUNTA DE GALICIA
Participantes do programa 'Descubrindo o Parque Nacional' da Xunta de Galicia. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta