Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2022 | Actualizada ás 12:55
O número de traballadores en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) vinculados á covid e procedentes dalgunha das modalidades postas en marcha durante a pandemia en Galicia pechou o mes de febreiro en 4.421, o que supón 63 máis que no último día do mes de xaneiro.
Este incremento contrasta coa baixada en España, 3.307 traballadores menos en febreiro respecto ao mes anterior, un 3,1%, ata un total de 101.736 afectados. O total de persoas en ERTE na comunidade galega, na suma dos de tipo covid e o resto, suma 5.354 no último día do mes de febreiro, neste caso 130 máis que os 5.224 dun ano antes.
HOSTALARÍA E TURISMO, Á CABEZA
En termos interanuais, os traballadores en ERTE Covid reducíronse en preto de 800.000 persoas e respecto dos máximos alcanzados desde que estalase a pandemia, a diminución é de máis de tres millóns. Desta forma, máis do 97% dos traballadores que chegaron a estar protexidos por este mecanismo incorporáronse xa á actividade.
Por sectores, os traballadores en ERTE seguen mantendo unha importante concentración sectorial nas actividades relacionadas coa hostalaría e o turismo. Os servizos de comida e bebidas (hostalaría) son os que máis traballadores tiñan en ERTE ao finalizar o mes de febreiro, con 20.776 afectados, seguido polos servizos de aloxamento (16.496); as axencias de viaxes (10.536) e o comercio polo miúdo (9.404).
En relación ás súas cifras de afiliados, a actividade con maior porcentaxe de traballadores en ERTE son as axencias de viaxes e operadores, para as que o Goberno ten previsto activar a partir do 1 de abril o mecanismo REDE sectorial, un ERTE específico para sectores con problemas creado na reforma laboral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.