Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2022 | Actualizada ás 11:45
O Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) realizou un estudo no que se analizan os desprendementos de retina e a súa asociación coa radiación solar. A investigación conclúe que esta asociación pode explicar o aumento de casos no verán, cunha maior incidencia nos ollos dereitos. Tamén sinala que, na área de Pontevedra e O Salnés, se rexistra unha media de 52 casos cada ano.
O estudo culminou coa tese doutoral 'Incidencia do desprendemento de retina regmatóxeno e a súa asociación coa radiación solar na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés', realizada polo oftalmólogo do CHUP, o doutor Carlos Sevillano Torrado, e dirixida polos doutores Eloy Viso Outeiriño, Maria José Blanco Teijeiro e Francisco Gude Sampedro, e que foi puntuada cunha cualificación de sobresaliente cum laude.
Así mesmo, nos contidos técnicos da tese doutoral, o doutor Sevillano Torrado insiste en que se deben levar a cabo campañas de divulgación dirixidas á poboación xeral para aumentar a concienciación e o coñecemento sobre esta patoloxía.
No seu comunicado, a profesionais da área Sanitaria de Pontevedra explicaron que as medidas de protección solar, tales como usar lentes con filtro UV e evitar a exposición ocular directa nas horas nas que se concentra un maior grao de radiación durante as xornadas estivais, poden resultar beneficiosas para a súa prevención.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.