Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/03/2022 | Actualizada ás 22:00
A resistencia aos antibióticos é unha das maiores ameazas para a saúde mundial, a seguridade alimentaria e o desenvolvemento. Científicos de todo o mundo, en colaboración con organismos supranacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Unión Europea (UE), están tentando atallar o problema global do abuso e mal uso dos antibióticos entre a poboación e no ámbito veterinario. Un recente estudo calculou que cada día morren 3.500 persoas no mundo pola resistencia aos antibióticos. No ano 2019 faleceron polo menos 1,2 millóns de persoas por bacterias resistentes a estes fármacos, segundo a análise máis ampla realizado ata a data, con datos 200 países e territorios.
O problema pode agravarse polo “uso inadecuado de antibióticos” que se fixo durante a pandemia, que “foi moi frecuente en pacientes con covid-19 e implicou un maior risco de reaccións adversas”, como advertiu unha investigación impulsada pola Sociedad Española de Medicina Interna (SEMI), e asinada por 25 científicos. Porque, como explican os científicos, na maioría dos casos covid non se xustifica a prescrición destes medicamentos, destinados a combater infeccións bacterianas, non víricas: “A maioría dos pacientes con covid-19 reciben antibióticos malia que as coinfeccións bacterianas son raras. Isto pode provocar un aumento das complicacións, incluída a resistencia antibacteriana”, advertiron os autores desta investigación, realizada con datos de 13.932 pacientes de todo o Estado infectados co coronavirus SARS-CoV2.
Neste contexto, novos estudos con participación galega achegan agora máis datos e advertencias sobre o mal uso e abuso dos antibióticos e a resistencia antimicrobiana no contexto da panademia de covid-19. Por un lado, en mulleres embarazadas e positivas en covid-19, e por outro, en pacientes en idade pediátrica.
Investigadores de Galicia e México constataron resistencia a múltiples fármacos en mulleres embarazadas con covid-19 e tratadas con antibióticos
Un equipo de investigadores de México e Galicia vén de publicar os resultados dun estudo sobre tratamentos de coinfeccións bacterianas en mulleres embarazadas e infectadas con covid-19. Estes investigadores partiron de varias evidencias: sábese que “durante o embarazo existe un estado de tolerancia inmune que predispón as mulleres a infección viral, causando vulnerabilidade materno-fetal aos efectos adversos da covid-19”, que “as coinfeccións bacterianas aumentan significativamente a taxa de mortalidade por covid-19” e que “todos os fármacos, incluídos os antibióticos, entrarán na circulación fetal en grao variable a pesar do papel da placenta como barreira protectora e poden causar teratoxénese ou outras malformacións, dependendo do momento de exposición ao fármaco”, introducen os autores do estudo. Por outro lado, recordan que “o impacto do uso indiscriminado de antibióticos durante o embarazo pode alterar tanto a microbiota materna como a fetal”.
Por todo isto, decidiron revisar a literatura científica existente sobre tratamentos de coinfeccións bacterianas en mulleres embarazadas con covid-19, á par que presentan os resultados dun estudo que realizaron en 50 mulleres embarazadas hospitalizadas e diagnosticadas co coronavirus SARS-CoV-2 e sen tratamento previo con antibióticos, das que sete presentaron coinfección con outras tantas bacterias.
Ao realizar o antibiograma (proba microbiolóxica para determinar a susceptibilidade dunha bacteria a un grupo de antibióticos), constatouse resistencia a múltiples fármacos.
Como lembran estes investigadores, a literatura científica apunta que “nas embarazadas parece que non hai maior risco de contraer covid-19 e naquelas positivas en SARS-CoV-2, “os informes indican que preto do 80-90% son asintomáticas e só o 13-15% presentan sintomatoloxía leve (febre ou outros síntomas)”, mentres que “só un 5-8% padecen covid-19 grave e un 1-3% evolucionan a un estado crítico”.
Con todo, advirten de que as embarazadas con covid-19 teñen un maior risco de padecer preeclampsia (principal causa de morte materna e infantil en todo o mundo), parto prematuro e outros efectos adversos durante o embarazo que as embarazadas non contaxiadas. Así, por exemplo, un estudo financiado polo National Institutes of Health (NIH, Estados Unidos) suxeriu que a covid-19 aumenta o risco de complicacións no embarazo. Outro traballo de investigadores da Facultade de Medicina da Universidade Estatal de Wayne, en Michigan (EEUU), atopou que as mulleres con infección por SARS-CoV-2 durante o embarazo tiñan un 62% máis de probabilidades de desenvolver preeclampsia que aquelas sen a infección durante o embarazo. Mentres que unha revisión da literatura científica publicada por investigadores brasileiros evidenciou que as embarazadas corren un maior risco de desenvolver a forma grave de covid-19 que as non embarazadas. Outros estudos constataron máis partos prematuros ou máis eventos trombóticos venosos nas embarazadas con covid-19.
Os investigadores de Galicia e México lembran que antibióticos como a azitromicina e a doxiciclina “non demostraron un efecto beneficioso no tratamento da infección por SARS-CoV-2” e consideran que “os antibióticos en mulleres embarazadas ou lactantes non deben ser parte do tratamento inicial da infección por SARS-CoV-2, xa que a transmisión vertical destes fármacos e microorganismos resistentes a eles de nai a fillo prexudica o desenvolvemento e a sucesión da microbiota intestinal do lactante”.
"É importante realizar un antibiograma para previr o abuso do tratamento antibiótico en mulleres embarazadas diagnosticadas de SARS-CoV-2”
“A administración destes fármacos, se non é necesaria, pode favorecer o crecemento de microorganismos asociados a enfermidades e dificultar a resposta ao tratamento”, advirten.
Tendo isto en conta, din que o recomendable é realizar varios e continuos cultivos representativos con antibiograma para o seguimento dos pacientes e prescribir antibióticos só a mulleres embarazadas con infección grave. “É importante realizar un antibiograma para previr o abuso do tratamento antibiótico en mulleres embarazadas diagnosticadas de SARS-CoV-2”, din.
“Recoméndase que pacientes con infección respiratoria bacteriana secundaria sigan as pautas asociadas ao tratamento antibacteriano nos casos de pneumonía adquirida no hospital e asociada ao respirador. No caso de sospeita ou demostrada presenza de infección bacteriana respiratoria, o tratamento proposto debe durar polo menos cinco días en pacientes con SARS-CoV-2 ata a mellora dos signos, síntomas e marcadores inflamatorios. Ademais, suxírese realizar un cultivo posterior ao tratamento (despois de sete días) para confirmar a eliminación do patóxeno atopado”, explican.
En canto ao impacto do uso indiscriminado de antibióticos durante o embarazo, insisten en que “pode alterar tanto a microbiota materna como feto-neonatal, xerando repercusións futuras nos suxeitos”. “As alteracións da microbiota saudable en ambos os dous, demostrouse que producen varias enfermidades, entre elas, deterioro do neurodesenvolvemento, enfermidades inmunolóxicas, alérxicas e metabólicas, enfermidade inflamatoria intestinal e outras infeccións na descendencia”, advirten.
ANTIBIÓTICOS EN NENOS
Outro equipo de investigadores galegos vén de publicar tamén os resultados dun estudo realizado na área sanitaria de Vigo sobre o efecto da pandemia de SARS-CoV-2 na incidencia de enfermidades infecciosas e no uso de antibióticos en pacientes en idade pediátrica.
O que observaron foi que, “durante a pandemia de covid-19, o número de enfermidades infecciosas que se transmiten entre individuos polo aire e por vía fecal-oral diminuíu significativamente, e tamén se produciu unha lixeira diminución das infeccións transmitidas por outros mecanismos (infeccións do tracto urinario)”. “Paralelamente”, proseguen, “durante a pandemia produciuse unha redución acusada e significativa da utilización de axentes antibacterianos, principalmente de penicilinas, cefalosporinas e macrólidos”.
Detalladamente, en nenos de 0 a 4 anos, a incidencia pasou de 22.487 en 2018 a 23.044 en 2019, e despois a 11.286 en 2020. Para os nenos de 5 a 9 anos, o número de episodios pasou de 9.867, a 8.725 e 714, respectivamente. E para o grupo de 10 a 14 anos, a evolución foi de 6.683, a 6.060 e 5.791.
O estudo realizado na área sanitaria de Vigo constatou unha caída de episodios infecciosos na poboación pediátrica durante a pandemia e na prescrición de antibióticos
As análises revelaron “un efecto significativo da pandemia de SARS-CoV-2 sobre os episodios infecciosos rexistrados nas historias clínicas de atención primaria da poboación pediátrica”, expoñen estes investigadores, que comprobaron “un importante descenso das infeccións respiratorias a partir de febreiro de 2020, acadando o maior descenso entre abril e xuño do mesmo ano (ambos incluídos), coincidindo coa implantación de medidas de restrición máis severas para conter a pandemia de covid-19 (confinamento, peche de escolas e mobilidade restrinxida) e o consecuente illamento social”. Xa en setembro de 2020, observouse” un lixeiro aumento” destas infeccións, o cal “é probable que estea relacionado co retorno á actividade escolar; non obstante, os niveis mantivéronse considerablemente por debaixo dos de 2018 e 2019”, clarifican.
Os autores do estudo sinalan como “unha excepción” a gripe, que “mantivo unha incidencia similar á dos dous anos anteriores ao período de estudo”. En canto ás enfermidades exantemáticas (eruptivas) e a covid-19, os datos revelan un incremento destas enfermidades en febreiro de 2020, coincidindo coa chegada e os diagnósticos iniciais do SARS-CoV-2 en España. “A partir de abril de 2020, este incremento inicial foi seguido dun descenso progresivo, que continuou ata xuño do mesmo ano. A partir dese momento produciuse un notable incremento destes contaxios, que se prolongou ata o final do período estudado. Este patrón non é normal para este grupo de enfermidades, que tenden a revelar dous picos estacionais, un na primavera e outro no outono, como se observa nos datos de 2018 e 2019”, explican os investigadores da área de Vigo.
En canto ao resto de infeccións examinadas, os autores destacan as gastrointestinais e urinarias. “As primeiras experimentaron un descenso pronunciado con respecto aos anos anteriores á pandemia, mentres que as segundas non sufriron cambios substanciais, observándose só unha pequena diminución na súa incidencia tras a aplicación das restricións”, clarifican.
Os investigadores cren que outro factor que influíu no descenso do rexistro de infeccións nos máis novos “pode ser a importante diminución da demanda de atención pediátrica” que se produciu durante a pandemia de covid-19, que “probablemente se deba ao medo á exposición ao coronavirus e ao acceso limitado aos servizos de atención primaria”.
Ademais da redución do número de infeccións respiratorias e outras infeccións virais, o estudo tamén demostrou “un importante descenso global” na prescrición de antibióticos na atención pediátrica, especialmente penicilinas, cefalosporinas e macrólidos, cunha “tendencia á baixa moi marcada a principios de 2020, seguida dun pequeno cambio nos meses seguintes”.
“Este descenso continuou durante todo o período de estudo e aumentou durante o segundo trimestre de 2020, coincidindo co confinamento no fogar e as medidas de contención máis estritas implantadas durante a pandemia. Os antibióticos máis afectados son os que se usan normalmente para tratar as infeccións respiratorias, especialmente as penicilinas de amplo espectro, principalmente amoxicilina, e as combinacións de penicilinas e inhibidores de betalactamasas”, detallan.
“A crecente preocupación pola resistencia bacteriana fixo aínda máis urxente a prescrición racional de antibióticos”
Nesta liña, recordan que “a maioría das infeccións bacterianas que se producen durante a idade pediátrica poden tratarse de forma ambulatoria mediante a prescrición de antibióticos orais”, cuxas receitas “adoitan redactarse nos servizos de atención primaria e urxente, principalmente para as infeccións respiratorias”. “Esta é a principal causa do uso inadecuado de antibióticos”, apuntan os investigadores, que engaden: “En España, o grupo de idade que máis consume antibióticos é o de 0 a 4 anos, cunha taxa de exposición do 58,8%, asociada xeralmente a unha indicación inadecuada. Os antibióticos máis utilizados son a amoxicilina e amoxicilina con ácido clavulánico, con tendencia a aumentar o uso de amoxicilina por si só. Os segundos antibióticos máis prescritos son os macrólidos de primeira e segunda xeración e as cefalosporinas, e ambos experimentan un importante descenso na taxa de prescrición” durante a pandemia de covid-19.
No estudo, non se observou un descenso significativo na prescrición doutros antibióticos que se usan habitualmente en infeccións non respiratorias, e constatouse un leve incremento no uso de tetraciclinas, “malia que o seu uso é bastante limitado en pediatría, dada a súa contraindicación en menores de 8 anos, os seus efectos secundarios e a infrecuencia das patoloxías de que se utilizan”, expoñen.
En definitiva, este estudo constatou que nas poboacións infantís e xuvenís se produciu unha diminución da circulación de virus e bacterias como consecuencia da pandemia de SARS-CoV-2, destacando unha diminución das infeccións respiratorias e un descenso paralelo no consumo de antibióticos.
Neste contexto, os investigadores recordan que “a crecente preocupación pola resistencia bacteriana fixo aínda máis urxente a prescrición racional de antibióticos”. Na súa opinión, se se determinan “cales son as medidas non farmacolóxicas que teñen máis éxito para conter a transmisión de enfermidades infecciosas”, isto “podería evitar a prescrición inadecuada de antibióticos, fundamental para previr futuras resistencias e imprescindible para mellorar a sustentabilidade do sistema sanitario”, conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.