María Casares, figura central do Día da Muller no Ateneo de Santiago

A especialista María Lopo fará un repaso pola traxectoria vital da artista.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/03/2022 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

O Ateneo de Santiago ten programada para este luns, 7 de marzo, unha conferencia para conmemorar o Día da Muller titulada «María Casares: Vidas dunha actriz exiliada», que estará impartida por María Lopo, especialista na figura de María Casares. Será, como é habitual, ás 19.30h na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela.

A actriz María Casares
A actriz María Casares

Nesta conferencia María Lopo achegaranos ao itinerario vital dunha das actrices indispensables da escena europea do século XX: a infancia galega, a adolescencia republicana, o exilio francés e a madurez dunha muller libre na súa creación e comprometida coa nosa memoria.

María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade Rennes 2, é autora de estudos, edicións e traducións nos que aborda, entre outros temas, o sexismo na didáctica da lingua francesa e as culturas do exilio republicano nas súas conexións francesas.

Está especializada na figura de María Casares, tendo disertado sobre ela en numerosas ocasións, ademais de ter publicado unha decena de artigos nos que se ocupa da súa vida e da súa obra.

A ela dedicoulle o texto teatral O meu nome é María Casares, editou a correspondencia intercambiada co seu pai Santiago Casares Quiroga no libro Cartas no exilio e publicou a monografía sobre as súas conexións galegas O tempo das mareas. María Casares e Galicia. Neste ano 2022 publicarase a súa edición anotada de Residente privilegiada, a tradución española do libro de memorias da actriz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta