A veciñanza de Touro denuncia unha "utilización" do CSIC en favor da minaría

O informe desenvolvido polo Instituto de Investigacións Mariñas "descarta e minimiza" a contaminación relacionada coa actividade da mina de Touro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

A 'Plataforma veciñal Cornado Mina Non' considera "viciado de orixe" un informe do Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do CSIC, que "atribue a contaminación do esteiro do Ulla a verteduras industriais procedentes da zona de influencia de Padrón, Catoira ou Compostela e descarta e minimiza que a orixe desta contaminación poida ter relación coa actividade da mina de Touro", explican nun comunicado.

Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato.
Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato. | Fonte: Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON

"A realidade", continúan, "é que as drenaxes ácidas procedentes da antiga mina de cobre tiveron un efecto devastador sobre ducias de quilómetros de ríos e regos do sistema do Ulla e 

afectaron directamente a súa bacia fluvial". Por isto, a plataforma esixe unha "aclaración pública" sobre as "relacións contractuais" do grupo de Bioxeoquímica Mariña do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) e concretamente seu xefe, Ricardo Prego Reboredo, con Atalaya Mining e con Felipe Macías Vázquez, exprofesor de Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que "leva anos traballado a prol dos intereses de Cobre San Rafael", denuncian.

A Plataforma veciñal denuncia que "apenas se coñecen máis datos dese informe que os publicados de maneira interesada pola mineira en medios de comunicación subvencionados". Así mesmo, alerta sobre as relacións entre Prego Reboredo e Macías, coñecido este último "pola súa vinculación coa empresa Tratamientos Ecológicos del Noroeste (TEN S.L.) e o seu apoio permanente á mina de Touro como asesor de Cobre San Rafael". Ademais, este exprofesor é coñecido tamén "pola redacción de polémicos informes sobre o impacto ambiental de proxectos mineiros a petición das empresas responsables deles, coma no caso de Touro". 

Pola súa banda, a Plataforma expón que TEN S.L. está relacionada co grupo de Explotaciones Gallegas, actual propietaria dos terreos da mina. Nun pleno extraordinario celebrado no Concello de Touro o pasado mes de novembro sóubose, segundo a plataforma, que esta mercantil operou sen licenza de actividade coñecida entre os anos 2005 e 2011 "pese ás continuas queixas veciñais polos cheiros nauseabundos procedentes do procesado de residuos", lembra a plataforma.

Por estes motivos, a veciñanza pide unha "aclaración" sobre se o Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do CSIC, está a ser "utilizado" a favor do proxecto da mercantil Cobre San Rafael na mina de Touro e que se "depuren responsabilidades en aras de evitar calquera caso potencial de conflito de intereses".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta