Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2022 | Actualizada ás 14:14
O presunto autor de cinco incendios forestais no municipio coruñés de Mazaricos foi detido nunha operación levada a cabo por axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería de Medio Rural e a Policía Autonómica. O aviso dunha testemuña foi clave para a detención do individuo, quen no transcurso da declaración confesou que provocaba os incendios mediante un chisqueiro e anacos de vela que deixaba na herba, de forma que ardía mentres se afastaba.
Precisamente, na inspección ocular feita polos axentes ambientais atopáronse os restos de vela, "un claro indicio de intencionalidade", explica a Consellería de Medio Rural nun comunicado. A investigación iniciouse en 2021, cando en Mazaricos se produciron tres incendios próximos entre si. O 2 de febreiro de 2022, unha testemuña viu un coche estacionado nunha pista forestal. Este vehículo arrincou a gran velocidade, xusto no momento e no lugar que se iniciou un incendio, na parroquia de Chacín. Os axentes conseguiron localizar o vehículo e deter ao presunto autor dos lumes, que foi posto a disposición do xulgado de garda de Muros por parte da Policía Autonómica.
CINCO LUMES
En concreto, ao detido atribúenselle tres incendios na parroquia de Santa Baia de Chacín en 2021, un en marzo (que afectou 0,3 hectáreas de monte raso), outro en maio (de 3,94 hectáreas rasas e 0,5 hectáreas arboredos) e un último en xuño (de 0,03 hectáreas rasas). Mentres, o pasado 2 de febreiro de 2022 rexistráronse dous incendios máis nos lugares de Vilariño de Chacín e Vioxo, na mesma parroquia. Afectaron, respectivamente, 0,27 e 0,19 hectáreas de monte raso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.