Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2022 | Actualizada ás 22:00
As paisaxes floridas agardan cada vez menos pola chegada da primavera para aparecer. Xa hai semanas que as maceiras botaron as súas primeiras flores brancas, que o rosa intenso dos rododendros capta a nosa atención desde o lonxe, ou que os gromos das vides comezaron a espertar. Nalgúns días de calor mesmo se puideron ver as primeiras bolboretas en pleno febreiro. O inverno, ultimamente máis benévolo e menos duro, engana a natureza e provoca un "desaxuste en cadea" para o funcionamento dos ecosistemas, que viven nunha confusión constante produto do cambio climático.
Segundo o informe que vén de presentar MeteoGalicia, con datos de decembro, xaneiro e febreiro, este inverno está sendo o de menor cantidade de precipitacións desde hai unha década. Hai que remontarse ata o 2012 para atopar un inverno tan seco como este, no que as chuvias descenderon un 37% con respecto ao período de referencia. Se ben decembro estivo marcado por dúas borrascas, a partir do 10 de xaneiro instaláronse o anticiclón e a estabilidade ata o final do período. O mesmo aconteceu coas temperaturas: decembro foi un mes especialmente cálido, cunha media de 10,8 graos - dous máis por riba do habitual -. Comezado o 2022, as maiores anomalías rexistráronse nas temperaturas máximas, "extremadamente cálidas" para a época do ano, di o informe.
Esta alteración das temperaturas e da cantidade e intensidade das choivas está detrás dun proceso de "primaverización" dos invernos que desencadea un desorde xeneralizado: as árbores florecen sen insectos que as polinicen, se veñen intensas xeadas as colleitas corren risco de perderse, e outras especies poden quedar sen alimento ou variar as súas rutas migratorias no caso das aves.
ÁRBORES DESPISTADAS
Empecemos por algún principio. Durante o verán, as xemas das árbores prepáranse para o inverno e agostan - perden a humidade - co obxectivo de aguantar ben o frío. Cando chega, entran en "parada vexetativa", tempo no que precisan máis ou menos horas acumuladas de frío para comezar a brotar. "O problema está en que se non chega frío suficiente, como acontece este ano, as árbores brotan de maneira irregular", explica Carmen Salinero, xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro. "As xemas máis superficiais e que máis frío reciben, xa brotan, pero aquelas que están no interior, máis protexidas, quizais non tiveron o frío suficiente", prosegue.
Como estamos "moi no límite" en canto a horas de frío, Salinero observa unha brotación e floración irregular que levará ao crecemento desigual dos froitos. O perigo está nas xeadas que poidan caer nestas próximas semanas. "Iso mataría directamente os brotes e non chegaría a fase de floración, co cal pode haber risco de perda de colleitas. Nas vides, eses gromiños que están botando neste momento poderían perderse, porque as xiadas eliminan as estruturas da planta", explica Javier Rodríguez Rajo, botánico e profesor na UVigo. Desta maneira, a chegada temperá do tempo primaveral non só afecta as plantas que xa vemos florecer, senón tamén a aquelas que están botando os seus primeiros gromos a destempo.
O problema atópase igualmente no caso dos cereais como trigo e millo, que durante os meses do inverno precisan pasar por un proceso de "invernación" sen o cal as colleitas perden rendemento. A brotación e floración irregular, ademais, dificulta o traballo dos agricultores, posto que a aplicación de tratamentos contra os pulgóns, por exemplo, non pode ser homoxénea. "Cando a brotación é simultánea, das un tratamento a toda a planta e téñense moi boas colleitas na viña, no kiwi, nas ameixeiras, cerdeiras... Pero se hai ramas que brotan e ramas que non, tes que dar o tratamento durante moitos días. Iso complica os labores e empeora o resultado", explica Salinero. "
INSECTOS A DESTEMPO E PRAGAS
Este proceso de aceleración da floración non se dá en todo o territorio galego do mesmo xeito. "Estamos a detectalo, sobre todo, nas zonas continentais. Na costa, aínda que o vemos, é menos pronunciado. Parece que a presenza do océano fora un sumidoiro de calor", explica Rodríguez Rajo. Que os gromos e flores saian fóra da súa estación fai perigar, igualmente, que o proceso de polinización chegue a bo porto, posto que se os insectos polinizadores non completaron o seu proceso de larva, non farán o seu traballo a tempo. "Debe estar acompasado o momento no que a planta florece e o momento no que o insecto esperta ou está en pleno apoxeo da súa actividade, e moitas veces esa sincronización pérdese", prosegue o profesor.
Pero tamén hai que atender ás pragas. Salinero apunta que os insectos teñen sistemas para superar o frío, pero se ese frío é moi continuado, poden sucumbir a el. Como non é o caso destes invernos, podería pasar que esperten máis pragas e máis axiña. De feito, dende a asociación ecoloxista ADEGA alertan da chegada temperá da procesionaria, unha eiruga moi prexudicial para certas árbores e perigosas para as mascotas. "Normalmente ata maio ou xuño non aparecía, pero xa está aquí. Agora a xente que vai paseando con crianzas e animais de compañía teñen que ter coidado. Con este tempo está todo adiantado e iso non é bo", explican dende ADEGA.
Como as árbores, ao brotar e florecer de forma irregular, alongan o seus período de actividade, están tamén máis expostas a estas pragas por fungos e outras enfermidades, explica Rodríguez Rajo. "Sobre todo en Galicia temos problemas tremendos cos fungos porque se dan as condicións ideais para eles. Temperaturas altas durante o día e humidade durante a noite. Iso fai que as plantas, ao florecer antes e estar máis tempo en actividade, teñan máis incidencia dos patóxenos", expón, o que supón para os agricultores maiores gastos en tratamentos.
AS AVES QUEDAN SEN ALIMENTO
A cousa non remata aquí. O desaxuste en cadea continúa ata afectar tamén as aves. De que maneira? "Na natureza todo leva funcionando como un reloxo suízo dende hai miles de anos, pero agora, esta falta de sincronía provoca que xusto cando chegan moitas aves que pasaron o inverno en África, os vermes puideron xa ter metamorfoseado a volvoretas e avelaíñas", sinala o coordinador ambiental de ADEGA, Ramsés Pérez. Isto provoca que as aves quedan sen ese aporte de proteína que supoñían para elas os vermes. De feito, Ramsés explica que moitas aves están adaptándose e adiantando a súa chegada "entre unha semana e dez días".
Se, ademais, os insectos non completaron a súa fase de larva cando as flores saíron, e polo tanto, non hai tantos froitos, as aves poden quedar sen estoutro alimento para proseguir as súas rutas migratorias. "As aves, antes de emprender a viaxe, énchense de comida para ter graxa suficiente e resistir o tempo que lles leve voar", describe Ramsés. "Se ese alimento falta, é coma se nós pretenderamos saír de viaxe ata Cataluña co depósito medio baleiro. Non imos chegar".
O cambio climático suma outros dous efectos sobre elas: por unha banda, muda as súas rutas no caso das migratorias. Para as persoas estudosas das aves como o caso de Ramsés Pérez, é evidente que cada vez chegan menos aves do norte de Europa. "Ao ter uns invernos máis cálidos no seu país de orixe, moitas delas, tamén acuáticas, deixan de viaxar. Nalgunha área de estudo da península ibérica, os paporrubios chegaron a descender nun 80%", sinala. Ramsés pon tamén o exemplo das cegoñas: moitas delas non fan a viaxe completa ata África senón que quedan xa polo sur da península ibérica. Con todo, o maior problema atópase nas aves sedentarias das zonas de montaña, porque se ben as anteriores se van adaptando á nova situación, estas "non teñen escapatoria".
Máis alá destas mudanzas fenolóxicas das aves, a incidencia do cambio climático pode mesmo provocar cambios a nivel morfolóxico. Cando menos, isto é o que veñen de descubrir uns investigadores estadounidenses que concluiron nun estudo que os paxaron norteamericanos están reducindo o seu tamaño a medida que as temperaturas van aumentando nos últimos 40 anos. Ao mesmo tempo, as súas ás vólvense máis grandes para poder emprender viaxes máis longas.
Se de algo non hai dúbida é de que o cambio climático leva tempo aquí e os seus efectos son cada vez máis evidentes. As precipitacións tenden a "concentrarse" en menos días e "a capacidade do solo para asimilar esa auga é menor", explica Rodríguez Rajo, polo que tampouco axudan a axustar o reloxo biolóxico da natureza. "Este é un ano raro, rarísimo; e iso altérao todo. O frío invernal fai moita falta. A xente pensa que é malo, pero se vén como é debido, ao seu tempo, a natureza benefíciase sempre", sentenza Salinero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.