As gasolineiras galegas denuncian que venden a perdas desde hai 10 días e piden unha rebaixa do IVE

Din estar "desesperados".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/03/2022 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

Os empresarios de gasolineiras de Galicia denunciaron que venden a perdas desde hai dez días e piden unha intervención inmediata sobre os impostos, cunha rebaixa temporal do IVE. Aseguran que "se os condutores sofren ao ver o litro de gasolina ou gasóleo rozando os 2 euros, os empresarios das estacións de servizo están desesperados porque ven perigar os seus negocios".

Unha muller pon gasolina ao seu vehículo nunha gasolineira
Unha muller pon gasolina ao seu vehículo nunha gasolineira | Fonte: A. Pérez Meca - Europa Press

Por iso, o presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), Julio López, convocou os empresarios de toda Galicia a unha reunión urxente este xoves en Santiago de Compostela para analizar a situación e, eventualmente, tomar medidas que limiten o impacto nos seus negocios.

Así, a federación sostén que moitos deles vense obrigados a baixar as súas marxes a cero, outros á metade, porque se marcan os prezos coas marxes habituais directamente non venden.

Neste sentido, a presidenta da Asociación de Estacións de Servizo de Ourense, Fara Pérez Bellido, avisa de que están a vender cunha "marxe mínima e con moitos custos". "O diñeiro que xeras coas vendas que compraches o luns non che dá para pagar o seguinte pedido coa tendencia de prezos", asegura.

"Levo a peor semana da miña vida, vendín a perda, por baixo de prezo de custo. O meu prezo de compra hoxe é 1,936 e estou a vender a 1,899 é dicir 40 céntimos por baixo do prezo real", afirma o vicepresidente da Asociación de Estacións de Servizo de Pontevedra, Avelino Couselo.

Ademais, a federación apunta que en Lugo levan 10 días vendendo a perdas, tanto os abandeirados como os libres. Tamén sinala que existen gasolineiras desatendidas que están a vender gasolina 15 céntimos por baixo do prezo de custo.

Deste xeito, o presidente de Fegaes sostén que os empresarios están a soportar unha suba dos prezos de compra dos combustible superior aos 40 céntimos, que non son capaces de trasladar aos clientes. "Estamos a vender sen marxe comercial desde o venres pasado", apunta.

Na mesma liña pronúnciase o presidente da Asociación de Estacións de Servizo de Pontevedra, Benigno Redondo, tamén representante galego na xunta directiva da Confederación de Estacións de Servizo de España, ( CEES), recoñece que as

marxes de beneficios están ao límite porque deberon asumir practicamente toda a subida.

"Existen", sinala Redondo, "unhas diferenzas de tarifas enormes debido á flutuación diaria dos prezos". Ademais, lembra que solicitaron ao Goberno de España unha rebaixa temporal do IVE, pero de momento esta demanda non tivo éxito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta