Cando J.L. Perales compuxo «Porque te vas» para a cantante Jeanette, seguramente se inspirou na picardía de Feijoo. Cando Saura incluíu esa canción na película Cría cuervos, posibelmente sabía quen era Feijoo. E cando eses creadores pensaban no ‘gran salvador’, o dos Peares xa soñaba con Madrid. Alberto sempre levou canda el unha certa dose de pillabán. Hai xente á que a verdade seica lle causa un proído irresistíbel nos artellos encefálicos. Ao chegar a certa idade todos padecemos achaques e Feijoo, tamén.
O noso presidente demostrounos o que xa sospeitabamos hai tempo: as trolas forman parte da súa xenuína idiosincrasia. Fartouse de lle xurar amor eterno a Galicia; mais, tal e como se están a desenvolver os acontecementos, imos ter que lle dar a razón aos que pensan que nesa relación nunca houbo máis ca sexo. Mais o que realmente lles mola aos que, como Feijoo, conseguen ser alguén nos partidos centralistas non é o sexo, é Madrid. Eu non sei o que ten a auga do Manzanares para facelos tolear tanto.
Hai quen di que o acontecido naquel PP de Casado –e de Ayuso, claro– que nos últimos tempos se volveu tan bucólico, non é causalidade. Na vida, e na política especialmente, o casual escasea. Alberto posibelmente non acendeu o lume que lle chamuscou as illargas a Egea e Casado –e a Ayuso, tamén– mais o bafo que botaba cada vez que tusía, naqueles días de estío e noites de xeada, ía cargado coa bencina que tiña gardada dende a elección de Casado como xefe do partido.
Ao mellor só quería xogar cos mistos. Ao mellor. De acendelos xa se encargarían outros. En tempos de quenturas nunca escasean asexuados tertulianos dispostos a deitarse con Casado e erguerse con Feijoo, e sempre aparecerá media ducia de Morenobonillas dispostos a vender o cabalo. «Sabe facer as camas, cociña de marabilla, canta como un reiseñor,... sabe asubiar e falar inglés». A súa melodía gústalle a Pedro, a Felipe, ao xefe de Iberdrola, a un tal Ibex-35 e, sobre todo, aos tratantes que deambulan pola palestra da política revirada, aos que van cos da feira e veñen cos do mercado. Gústalle a todos!
Agora percorrerá o mapa de España, para competir contra un contrincante popular fantasma, gobernará Galicia por teléfono e os galegos e galegas agardaremos sentados, sen poder sabermos se marcha para marchar ou se marcha para quedar. É o que hai.
[O meu tío Lisardo leva uns días triste e adoecido, por atopar na vida tanto desamor. Tan ben como o tratamos, tanto como lle quixemos e, por falar o español con esa xentiña de Madrid, Alberto decide darnos plantón. Cría corvos!]