Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2022 | Actualizada ás 20:00
Viana do Bolo e Vilariño de Conso prepáranse para unhas das xornadas máis animadas do ano. Ambas as dúas vilas ourensáns recibirán a chegada dos case 40 grupos de mascaradas procedentes de diferentes provincias de España, Italia e Portugal, que encherán de tradición as súas rúas coa celebración da VII edición do Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica, presentado hoxe no Salón de Plenos de Viana do Bolo.
En concreto, e segundo apuntan dende a organización, os grupos participantes nesta sétima edición proceden de Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Asturias, Castela e León, Castela A-Mancha e o País Vasco. Alén das fronteiras estatais, destaca a contribución de Portugal --Bragança e Viseu-- e de Italia, con participantes chegados de Sardeña.
No acto de presentación participou a xerente do Inorde, Emma González; o alcalde e o concelleiro de Cultura de Viana do Bolo, Andrés Montensinos e Abelardo Carballo, respectivamente; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; o presidente da Asociación de folións Rurais de Viana e da Asociación Robreda, Jorge Domínguez; e a vogal da Asociación “Xuntos polo folión” de Vilariño, Nieves Rodríguez.
Jorge Domínguez foi o encargado de explicar a programación organizada para esta sétima edición que “cada ano crece e incorpora novas actividades para que serva de escaparate tamén da nosa gastronomía, artesanía e música”. Así mesmo, o presidente da Asociación de folións Rurais de Viana e da Asociación Robreda dixo que este tipo de eventos “deben desenvolverse no rural porque é aquí onde nacen as nosas raíces e nos permiten contribuír a manter viva a herdanza dos nosos antepasados”.
PROGRAMA
As actividades desta edición comezarán xa o venres, 18 de marzo, en Viana do Bolo, a partir das 11.30 horas cunha conferencia que baixo o título “Unha ollada antropolóxica” celebrarase no IES Carlos Casares. Así mesmo, ao longo da mañá poderá visitarse a exposición sobre o Entrudio de Viana do Bolo na propio sala de exposicións do Concello. E, ás 20.00 horas, comezará a foliada polas rúas de Viana con diferentes grupos de música.
Ao día seguinte, o 19 de marzo, o Festival continuará en Viana do Bolo onde, ademais de continuar aberta a exposición, a partir das 11.30 horas inaugurarase “ViBoMarket”, o mercado de produtos artesanais locais que estará ubicado na rúa Ceferino Armesto e a rúa das Mazairas). A música chegará coa sesión vermú ás 12.30 horas, e o desfile desta edición de Mascaradas Ibéricas terá lugar a partir das 16.30 horas. Por último, ás 20.00 horas haberá actuacións musicais na Praza Maior, que continuará co “ViBo Music” a partir das 22.00 horas.
O último día do festival, o 20 de marzo, as actividades trasladaranse ata Vilariño de Conso onde a partir das 10.00 horas abrirá o “ViBo Market” no campo do fútbol do municipio. E, a partir das 11.30 horas, celebrarase o esperado desfile de Mascaradas Ibéricas. Pola tarde, continuará a programación, pero no Concello de Viana do Bolo, ás 17.30 horas, coa representación da obra “A viaxe de José do Campo: unha historia musical dende O Courel ata Nova Orleáns”, ACF O Fiadeiro xunto con exalumnos da ESAD de Galicia, na Casa de Cultura do municipio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.