Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 11:35
A Unión de Consumidores de Galicia fai este xoves un chamamento á tranquilidade e á responsabilidade das persoas consumidoras galegas á hora de acudir aos establecementos comerciais, en especial aos de alimentación, para evitar que "comportamentos pouco responsables" agraven as situacións de falta de abastecemento que xa se están a dar en distintos establecementos.
A organización urxe ás administracións competentes "tomar cartas no asunto de forma decidida e garantir os dereitos das persoas consumidoras, e a fin de contas dunha cidadanía que non pode seguir soportando as consecuencias dunha escalada de prezos da enerxía e do conxunto dos servizos e produtos que conforman a nosa cesta da compra", expoñen nun comunicado.
Para Unión de Consumidores de Galicia é "vital" que as administracións e responsables do sector do transporte manteñan xuntanzas na procura dun punto de encontro que permita retornar á normalidade da forma máis áxil posible. Así mesmo, demanda unha solución "inmediata e valente ao descontrolado avance dos custos da enerxía" que está a lastrar as economías domésticas e, en especial, as máis vulnerables.
Lamenta, ademais, que sexan de novo as persoas consumidoras as que teñan que padecer "as consecuencias da incapacidade para introducir cambios normativos farto demandados", indican, tanto polo conxunto das persoas consumidoras como por sectores especialmente afectados pola grave situación actual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.