Por Homo ambulans - Guido Álvarez | Bretaña | 01/06/2014
Sempre que me preguntan 'que tipo de música escoitas?' ou 'que tipo de música gústache?' pásame como a tantos, cústame responder… difícil facer clasificacións, difícil falar de mellores e peores… como elixir? Con todo recoñezo que cando me fan esas preguntas, o primeiro artista que me vén sempre á cabeza é o galego Calamaro. Si, galego… desde a noite do mércores para min xa se gañou o alcumo e o título de galego de adopción.
Lembro as primeiras cancións de Andrés que escoitei. Foron grazas ao mítico Napster, aquel programa co que os adolescentes do cambio de século (97, 98, 99, 2000, 2001, 2002) descargabamos cancións, goles, partidos, documentais, discos… e sei que foi aí onde escoitei “Loco” e “Flaca”. A partir de aí non lembro tanto cales foron as seguintes, pero si sei que esa voz co mesmo acento que o meu pai empezou a formar parte da miña existencia. Como fillo de arxentino (os primeiros versos que aprendín foron do “Trova” de Carlos Guido y Spano) toda a miña vida estiven buscando achegarme a esa parte da miña identidade, e por suposto os artistas foron actores importantes no meu achegamento ás miñas raíces non-galegas. Calamaro foi un deles, quizais un dos máis importantes, pois -ademais desa parte da arxentinidade- as súas letras, como a tanta xente sucédelle, axudáronme a entender moitas veces os meus propios sentimentos, e en certo xeito, a sentirme comprendido. Creo que Andrés destácase por esa capacidade de saber conectar coas almas de moita xente.
Fun a velo en directo cinco veces (a Madrid, a Vigo, á Coruña e dúas veces a Santiago) e sen dúbida foron dos mellores concertos que garda a miña memoria. O primeiro nunha visita ao meu amigo Nacho en Madrid, emocionante primeiro contacto en directo coa música de Andrés e co calamarismo en xeral (foi aquela época na que tanta xente levaba as súas camisetas, sobre todo as do número 10), o segundo na Coruña co meu amigo Román Pose (gran embaixador arxentino durante os anos 2000 na cidade herculina) para ver en directo o Tinta Roja (un dos meus discos preferidos, onde Andrés gañouse ao meu pai recuperando a Gardel e a tantos outros), e os outros máis recentes en Santiago e Vigo, onde lembro moitos cánticos arxentos (a Vigo fomos con varios amigos de Tucumán e Jujuy) e sobre todo o saúdo de cornos que fixo Andrés cando levantei unha camiseta de Independente.
Aquel momento divertido e emotivo foi o meu primeiro contacto co gran 10 da música. O segundo foi entre a noite do mércores e a tarde do xoves, aproveitando o festivo en Francia (tamén pola Ascensión) compartindo tweets -que partiron das miñas ganas de saudalo ao estar el en Santiago de Compostela- con alguén que me acompañou sen sabelo desde fai máis de 15 anos. A grandeza de twitter (tan baleiro e podrecido para outras cousas) e a grandeza dun artista que, a diferenza doutros, non se afasta da xente. Puiden falarlle de Luisiño Suárez (o Balón de Ouro galego), de Pontoni (o ídolo de infancia do meu pai), da Fontana (o meu bar favorito da miña cidade, Lugo), da música de Carlos Núñez, da muralla de Lugo, de Avellaneda… e sen darme conta pasei un intre de charla con este músico admirado e estimado, autor de tantas cancións cantadas cos amigos nas costas do Parque Rosalía (tamén en Lugo) e por suposto nos bares. Calamaro non é unha persoa calquera…
Guido Álvarez
Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985) Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster europeo en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e profesional en varios países europeos, actualmente traballa en Francia. Entre as súas experiencias destacan o seu traballo durante tres anos nos observatorios turísticos do CETUR (Santiago de Compostela) e a súa participación nos programas de estudos Maclands, Leonardo e Erasmus.
http://guidoalvarezparga.wordpress.com
Twitter: @guidoalvarezp