Por Homo ambulans - Guido Álvarez | Teramo | 08/03/2016
Teramo foi a primeira cidade estranxeira na que vivín, e a semana pasada regresei por terceira vez dende aquel ano Erasmus 2006/2007. Certo é que pasara por ela no 2009 e no 2013, pero esta vez os astros aliñáronse dun modo distinto e emocionante que desexo compartir.
Por primeira vez regresei con tempo para relaxarme e desfrutar da experiencia, e grazas a un enorme cicerone (Don Miguel Lecce) compartín, co meu pai e cun amigo, unha das mellores experiencias viaxeiras da miña vida. Un itinerario que penso debería ser promovido! E que dende este espazo promovo eu para os lectores do Galicia Confidencial.
O venres 26 voamos dende Santiago (ás 10h30, un moi bo horario) por un prezo de 99 € ida e volta coa compañía Vueling. Chegamos puntuais a Roma Fiumicino (13h15) e cunha boa marxe para coller a nova liña de autobuses que levan directamente dende o aeroporto ata o Abruzzo. Chámase Gaspari e os prezos son convintes (19 € ata Teramo) tendo en conta que evita desprazarse -como se facía antes- á estación de autobuses de Tiburtina.
Ás 14h15 saímos de Fiumicino e desfrutamos de 2 horas e 45 minutos das formidables paisaxes que fan fronteira entre o Lazio e o Abruzzo. Paisaxe alpino e pobos de fantasía colgados polas pendentes apenínicas... formidable! Puidemos compartir algún vídeo “en vivo” grazas ó bo servizo de wifi do autobús.
(Chío-vídeo de #Torano: https://twitter.com/guidoalvarezp/status/703233606207062017)
E chegamos a Teramo! Cinco da tarde na capital abruzzesa e varias horas por diante para desfrutar. Hospedámonos no Hotel Abruzzi (Viale Giuseppe Mazzini, a 200 metros do centro neurálxico de Teramo) e alí volveremos a próxima vez. Confortable e cun gran servizo! Por 23 € noite (con almorzo incluído).
Unha vez pousado o equipaxe subimos á súa terraza a facer unhas fotos dende a altura, e acto seguido xa saímos para comezar a camiñar. Meu pai e eu fixémoslle unha primeira panorámica ó noso amigo Adrián: Corso di San Giorgio, Piazza Martiri della Libertà, Duomo, o anfiteatro romano... lugares imperdibles! ¿Sabedes que Teramo é un dos asentamentos de poboación máis antigos de Italia? Foi centro principal de asentamento para os Pretuzos e posteriormente conquistada polo cónsul romano Manio Curio Dentato no 290 a.C.
Sete da tarde e vai rematando o noso paseo... dirección: Pizzería Don Miguel! Para min unha das 5 mellores do mundo. Las Cuartetas, Starita, Di Matteo, Sorbillo e Don Miguel son, no mundo da pizza, o que Di Stéfano, Pontoni, Garrincha, Maradona e Messi no mundo do fútbol.
Alí encontramos ó noso amigo Miguel Lecce, arxentino afincado en Teramo dende hai case 30 anos. Campión do mundo da “Pizza al Taglio”, “Tridente d’oro citta di Trento” e tantas outras distincións avalan a este mestre gastronómico que ben podería exercer a profesión de guía turístico e promotor do turismo abruzzese.
¡Que pizzas para comezar! Margherita di un lato, acciughe (anchoas) dell´altro. Ben acompañado dun bon viño Montepulciano! O orgullo da rexión. Unha cea magnífica na que os clientes (esa noite pasaron por alí dende capocannioniere do Teramo Calcio, ata o vicealcalde ou o bispo...) non pagarían a máis de 6-7 euros por persoa. Don Miguel é a pizza do pobo! Non só un lugar de deleite, senón un lugar de encontro, de risas, e de boa compañía.
De noite demos un gran paseo polo litoral adriático co propio Miguel e logo tomamos unha birra nun dos locais musicais de Roseto degli Abruzzi: “Il Corto Maltese”.
Unhas horiñas de descanso para recuperar forzas! Almorzo de primeira no Hotel Abruzzi e comezaría a xornada bomba que nos tiña preparada Miguel. Collemos o coche, paramos a comprar uns bocatas de porchetta (fast food típico da zona) e posteriormente e tomar unha cedrata (deliciosa bebida a base de cedro) nun bar á saída da cidade. Rumbo ó Gran Sasso!
Subimos nada menos que á famosa localidade de Prati di Tivo (sempre na provincia de Teramo) e a uns 2000 metros de altura puidemos observar a tiro de pedra o mesmísimo Gran Sasso. Formidable! Unhas vistas incribles no Parco Nazionale. E isto sería perfectamente posible facelo cun coche de aluguer. Sen saír do formato low cost desta viaxe!
Para almorzar, no mesmo Prati di Tivo acudimos ó hotel-restaurante Gran Sasso 3. Un establecemento que ben podería encaixar nos Alpes suízos ou en Austria. Alí desfrutamos dunha boa polenta, para seguir así coas especialidades gastronómicas italianas. Non todo é pasta e pizza!
Regresamos a Teramo pola tarde e mentres Miguel traballaba na pizzería seguimos desfrutando dos paseos e do bo café “da Luca” na Via Castello. Pola noite chegaría o peche a estes incribles momentos cunha cea ó lado do mar no restaurante Vecchia Marina de Roseto. Sabor a Adriático. Antipasti fríos e quentes, excelente marisco e pescado, e un formidable servizo. Non en van este local está considerado un dos imprescindibles do litoral oriental italiano!
Hai que ir ó Abruzzo, hai que coñecer esta Italia distinta e auténtica que hoxe en día non aparece nos circuitos clásicos, pero que para os que a coñecemos, sabemos que é unha das mellores. Un turismo de proximidade, familiar e emozionale!
Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985). Guía Oficial de Turismo de Galicia e axente de viaxes en Viajes Mundo Galaico. Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster internacional en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e laboral en varios países europeos (Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido).
Twitter: @guidoalvarezp / Páxina de FB: guidoalvarezp / Flickr: guidoalvarezparga
Máis artigos de Guido Álvarez aquí.