De París á Galice Celtique de Carlos Núñez

A pasada semana rematou o primeiro tour temático de Mundo Galaico: tres francesas da rexión parisina foron as encargadas de estrear este novo produto turístico. Un novo capítulo desta historia que comezou no Zénith Nantes no 2014 e que xa vai pola súa sexta entrega no Galicia Confidencial.

Por Homo ambulans - Guido Álvarez | Lugo | 24/07/2016

Comparte esta noticia

O momento chegou e a experiencia foi formidable. Annie Desgardin, Marion Daudé e Nathalie Rolland foron as primeiras en desfrutar do tour da Galice Celtique de Carlos Núñez: oito días e oito noites descubrindo Galicia de norte a sur.

Guido Álvarez
Guido Álvarez

Comezamos o mércores 6, coa recollida no aeroporto da Lavacolla, e de aí, rumbo a Lugo: a nosa base de movementos durante a primeira parte da viaxe.

552139_396151673825712_999837618_n

Muralla Romana e Catedral de Lugo

552139_396151673825712_999837618_n

Ponte Romana de Lugo (Autor: Guido Álvarez)

LUGO, O BOSQUE SAGRADO

Guido Álvarez
Guido Álvarez

En Lugo visitamos a Domus do Mitreo (casa co templo mitraico máis occidental do imperio romano), a Casa dos Mosaicos (Domus Oceani), o Regueiro das Hortas (Vía Romana XIX, Camiño Primitivo a Santiago, e unha das zonas máis máxicas e suxestivas da cidade), a Ponte Romana e o seu entorno, o conxunto histórico de San Lázaro, o Parque Rosalía, o Círculo das Artes, a Catedral de Santa María, o barrio da Tinería, o casco histórico en xeral, e por suposto a Muralla Romana (que percorremos polo adarve, polo exterior, e tamén nos tramos do paseo interior).

552139_396151673825712_999837618_n

Canóns do Sil, Ribeira Sacra (Autor: Guido Álvarez)

552139_396151673825712_999837618_n

Portomarín (Autor: Guido Álvarez)

RIBEIRA SACRA, VITICULTURA HEROICA E ANCESTRAL

Na Ribeira Sacra comezamos o soleadísimo día cun cruceiro en catamarán polos canóns do Sil. Desfrutamos moito das paisaxes da viticultura heroica e da brisa do barco nun día cálido. Posteriormente fixemos unha visita e degustación nunha adega da comarca, e gozamos das paisaxes ribeiranas dende diversos puntos estratéxicos como o Miradoiro de Souto Chao.  Rematamos a xornada cunha visita a un dos puntos máis importantes do Camiño Francés en Galicia como é Portomarín, onde visitamos a vila e o entorno do río Miño.

552139_396151673825712_999837618_n

Catedral de San Martiño (Autor: Guido Álvarez)

552139_396151673825712_999837618_n

Na praia das Catedrais

A MARIÑA, A GALICIA MÁIS BRETOA

Na Mariña fixemos a primeira parada en Mondoñedo, onde Simonetta Dondi dall'Orologio (directora do museo catedralicio e alcumada polo diario El País “gardiá das zapatillas do bispo”) explicounos en profundidade a historia da cidade e da súa importante catedral. Posteriormente desprazámonos a Caritel, a San Martiño, para visitar a máis antiga catedral da península ibérica: un espazo referente dos tempos de Maeloc e da Britonia galega. Como non, fixemos unha visita á praia das Catedrais (monumento natural e considerada unha das máis fermosas do mundo) e posteriormente a Ribadeo, onde comemos e desfrutamos do ambiente da Festa Indiana. O día rematou cunha das visitas máis agardadas: ó castro de Viladonga, un dos máis famosos e mellor conservados de Galicia. 

552139_396151673825712_999837618_n

Castro de Viladonga (Autor: Guido Álvarez)

552139_396151673825712_999837618_n

Fisterra, Cabo do mundo (Autor: Guido Álvarez)

CAMIÑO DE SANTIAGO E DO FINIS TERRAE

O cuarto día de visitas deixamos a nosa base de Lugo para mudarnos a un hotel de Compostela. De camiño visitamos o templo romano de Santalla de Bóveda (santuario bimilenario e único en todo o imperio) e pasamos o día no cabo Fisterra (antigo fin do mundo) e o seu entorno. Unha xornada máis suave para coller forzas de cara a segunda metade do noso percorrido, que ó día seguinte día comezaría en Santiago.

552139_396151673825712_999837618_n

Santiago de Compostela (Autor: Guido Álvarez)

552139_396151673825712_999837618_n

Torre de Hércules dende o Monte de San Pedro (Autor: Guido Álvarez)

A LENDA DE BREOGÁN E O CAMPUS STELLAE

A mañá dese quinto día de viaxe contamos co apoio de Carmen Valcarcel, santiaguesa de nacemento e residencia, e guía especializada na cidade compostelá. Fixo unha completa visita ó casco histórico, á catedral, á alameda e ó campus sur. Xa pola tarde tomamos rumbo cara A Coruña, onde fixemos unha visita á cidade vella e á Torre de Hércules. Rematamos cun panorama espectacular: o solpor dende o Monte de San Pedro.

552139_396151673825712_999837618_n

Castro de Baroña (Autor: Guido Álvarez)

552139_396151673825712_999837618_n

Dolmen de Axeitos (Autor: Guido Álvarez)

A PEGADA CELTA NA VELLA GALLAECIA

O sexto día trasladamos por última vez as nosas equipaxes, desta volta rumbo ás Rías Baixas. Nesta xornada titulada “A pegada celta na vella Gallaecia” visitamos, de novo coas explicacións de Carmen, lugares máxicos como o Castro de Baroña (dos máis espectaculares, e seguramente o mellor conservado de todo o territorio galego), as Dunas de Corrubedo (parque natural), ou o Dolmen de Axeitos (un dos máis antigos, máis grandes e mellor conservados de toda Europa). Pola tarde, tempo para coñecer a cidade de Pontevedra, premiada como unha das mellores do mundo para vivir (segundo a ONU) e cun casco histórico de notable interese.

552139_396151673825712_999837618_n

Annie Desgardin, Carlos Núñez, Marion Daudé, Nathalie Rolland e Guido Álvarez

O ENCONTRO CON CARLOS

Na noite do sexto día chegou o momento máis agardado de toda a viaxe: o encontro con Carlos. Un rato despois de instalarnos no hotel de Vigo, o gaiteiro chegou e encheu de maxia a atmósfera e os corazóns dos que alí estivemos. Sempre inspirador, sempre estimulante e sempre alentador. Ceamos xuntos compartindo momentos “máxicos e inesquecibles” segundo as tres francesas, que tamén dixeron sentirse “moi privilexiadas” de poder compartir unha longa velada co seu admirado artista.

552139_396151673825712_999837618_n

No barco camiño das Illas Cíes (Autor: Guido  Álvarez)

552139_396151673825712_999837618_n

Faro das Cíes (Autor: Guido Álvarez)

UN PARAÍSO CHAMADO ILLAS CÍES

O Parque Nacional das Illas Atlánticas e Vigo foron a noso broche final a esta fermosa viaxe. Como no resto do percorrido, o tempo acompañounos plenamente e desfrutamos dunha climatoloxía ideal para percorrer a illa, desfrutar das vistas dende o faro, e deleitarnos cun bo baño no océano Atlántico. Quedaron marabilladas e sentiron non ter planeado quedarse 3 ou 4 días máis post-tour para relaxarse e saborear aínda máis os praceres galaicos (tomamos nota para posteriores experiencias!). As últimas horas do día aproveitámolas para visitar a zona vella de Vigo, o Mercado da Pedra e o porto.

REGRESO

O día 14 foi o día de regreso para Marion e Nathalie, mentres que Annie quedou unha noite máis por Compostela para facer compras e seguir descubrindo os misterios da capital galega. Despedida emotiva despois de case nove días compartidos, moitos bos desexos, e sobre todo augurios de continuidade para este novo proxecto!


Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985). Guía Oficial de Turismo de Galicia e axente de viaxes en Viajes Mundo GalaicoDiplomado en Turismo, máster en Planificación e máster internacional en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e laboral en varios países europeos (Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido).

www.guidoalvarezparga.com

Twitter: @guidoalvarezp / Páxina de FB: guidoalvarezp / Flickr: guidoalvarezparga

Máis artigos de Guido Álvarez aquí.

 

Guido Álvarez
Guido Álvarez
Guido Álvarez
Guido Álvarez
Guido Álvarez
Guido Álvarez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Guido Álvarez Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985) Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster europeo en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e profesional en varios países europeos, actualmente traballa en Francia. Entre as súas experiencias destacan o seu traballo durante tres anos nos observatorios turísticos do CETUR (Santiago de Compostela) e a súa participación nos programas de estudos Maclands, Leonardo e Erasmus. Blogue Twitter